Tralo decreto de 27 de decembro de 1956 sobre “saneamiento y colonización de la Laguna de Antela, sita en la provincia de Orense” con que o Franquismo sancionaba a desecación do segundo espazo lacustre máis importante da Península, vella arela non só dos tecnócratas do Réxime senón tamén de diversos executivos do XIX e mesmo, vestixios mediante, dos antigos Romanos, uns e outros semellaban descoñecer o secular aproveitamento que os moradores facían destas ubérrimas terras, ora daban leito ao gado, ora pasto, ora caza, ora pesca.

A lagoa maila súa impoñente figura axudaban mesmo a regular a climatoloxía comarcal, mais pouco disto importou aos “deseñadores” da desecación completada en 1962 coa promesa dun aproveitamento multifuncional que nunca tal foi. Do desengano foron testemuño moitas das voces recollidas anos despois por Xosé Luis Martínez Carneiro, editor de Antela, A Memoria Asolagada, Xerais, 1997, testemuñas cativantes como a da señora de Baltar que vía o mar cada vez que baixaba a chaira e que agora (anos 90) xa máis non vía. O traballo de Carneiro pretendeu fazer xustiza co “máxico cristal” que alcumara don Ramón Otero Pedraio, quebrado polo frío cálculo duns peritos foráneos. Vinte e un anos despois do libro de Carneiro, o Museo acolle a exposición fotográfica homónima, do 3 de agosto ao 7 de outubro coa que se pretende dar conta do acontecido a este humidal, do antes e o despois dun espazo que fai parte da memoria colectiva dos e das limiás.

A iniciativa, que é visitable no Museo da Limia, insírese na programación conmemorativa do 60º aniversario que está a desenvolver o Museo Etnográfico da Limia  e ten a colaboración do Centro de Cultura Popular do Limia, do  Portal web Vía Lethes, e da revista Lethes, Cadernos Culturais do Limia así como o patrocinio do Concello de Vilar de Santos e a Deputación Provincial