Conta a lenda recollida na páxina Galicia Encantada que a virxe ía voando cara a Cortegada desde o monte Poedo coa Pedra na cabeza e aconteceu que lle acabou por caer. Tamén a vían ligada a unha moura que fiaba á vez que mantiña a mole na cabeza.

Chantada a xeito de marco divisorio ao noroeste da comarca da Limia (á beira mesma dos terreos da Lagoa), pois serve de límite aos concellos de Xunqueira de Ambía, Sarreaus e Vilar de Barrio, a Pedra Alta, pertencente nominalmente á parroquia de Cortegada (Sarreaus), constitúe unha egrexia testemuña da prolongada ocupación do territorio na nosa comarca. De acordo coa descrición realizada polo proxecto Altalimia, o monumento lítico trataríase dun “menhir oblongo de granito de gran groso, de sección irregular e máis largo no terzo superior. Presenta diversas inscricións, estando algunhas delas superpostas, o que evidencia a súa reutilización.”

En efecto, a presenza de inscricións, estudadas polo investigador Tomás Vega, dan conta da reutilización cristiá (desta mole granítica e cuxa datación, tal e como acontece con outras “pedrafitas” do noso territorio é moi complicada de definir.

Trátase a nosa “Pedra Alta”, dun menhir (escasos son os exemplos dos mesmos no noso País), de grande porte, con feitura esvelta, 3,47 metros de altura e entre 73 e 42 cm de largo. Danado por un tractor en 1975, non foi ata 1986 cando a Deputación toma conta do mesmo e o chanta no seu emprazamento actual, distante tan só 70 metros do lugar onde fora atopada.

Certamente, a nosa comarca conta cun magnífico repertorio megalítico cuxo mais destacado exemplo é a significativa concentración que podemos atopar no Val de Salas entre os concellos de Calvos de Randín e Muiños.

Desde este 2017, a Pedra Alta honrará tamén as e os limiaos que se teñan destacado na defensa da cultura, histroria e tradicións da nosa comarca. Este ano o homenaxeado será Don Elixio Rivas Quintas.