A Xunta Directiva do Museo Etnográfico da Limia trala proposta elevada polo Consello Asesor decidiu conceder o premio Pedra Alta 2018 ao catedrático emérito de Historia Antiga e profesor emérito da USC, Dº Antonio Rodríguez Colmenero (Lucenza, 1936). Velaquí o detalle da comunicación feita polo Museo trala devandita decisión: 

A Xunta Directiva do Museo da Limia, na xuntanza extraordinaria celebrada con data 29/09/2018, adoptou entre outros o seguinte acordo:

 

Premio Pedra Alta 2018.

 

Vista a proposta, formulada por aclamación polo Consello Asesor do Museo da Limia, na súa xuntanza do 29/09/2018, que contou coa asistencia de vinte e tres dos seus trinta e cinco membros, acórdase por unanimidade:

Concederlle o Premio Pedra Alta de 2018, na súa segunda edición, a don Antonio Rodríguez Colmenero, co fin de recoñecer a longa traxectoria intelectual, investigadora e divulgativa do galardoado.

Nesta extraordinaria tarefa de coñecemento teñen papel protagonista as terras que rega o río Limia, integrando un amplo territorio que vai desde a   patria pequena do autor nas abas do monte Larouco até as irmás portuguesas, con parada moi especial no lugar de Porto Quintela. Aquí, con infatigábel teimosía, leva preto de corenta anos sacando á luz as ruínas do campamento romano de “Aquis Querquennis” e loitando por dotar de infraestruturas e dun corpus bibliográfico que divulgue este excepcional xacemento, así como a súa prolongación e complemento, a calzada romana Vía Nova entre Braga e Astorga, e as culturas que os levaron a termo. E así mesmo, pola capacidade do profesor Colmenero para nos descubrir o encontro fraterno e agarimoso entre  a Vía Nova e o río Lethes no seu fluír cultural milenario.           

 

[Antonio Rodríguez Colmenero. Lucenza (Cualedro), 1936.

Profesor Emérito e Profesor “Ad Honorem”  da Universidade de Santiago de Compostela.

Académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e académico correspondente da Real Academia de Historia.

Vicepresidente da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova e Director do Grupo Arqueolóxico Larouco, que edita a revista científica do mesmo nome.

Estuda a carreira eclesiástica no seminario de Ourense, completando esta formación na Universidade Pontificia de Salamanca e na Sorbona de París. Exerce 10 anos o ministerio sacerdotal.

Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Valladolid, na que tamén foi profesor de “Historia Antiga”. Completou estudos nas universidades alemás de Heidelberg e Colonia, e nas italianas de Macerata e Roma.

Doutórase en 1975, e trasládase como profesor agregado á Universidade de Deusto. Posteriormente tamén foi profesor nas Universidades de Alicante, Oviedo e finalmente na de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, na que é catedrático de “Historia Antiga” dende 1999.

Dirixiu, entre outras, diversas escavacións arqueolóxicas en Chaves e Lugo, no oratorio paleocristiano de Ouvigo (Os Blancos), do poblado romano de Santa Marta en Lucenza e, do Castro da Saceda, (Cualedro), do castro de Novás (Xinzo), pero sobre de todo dende o ano 1981 e de xeito sistemático as do Campamento Romano de Aquis Querquennis, en Portoquintela (Bande), onde se leva exhumado, á beira do río Limia, o máis extenso e completo establecemento militar desa época de toda a península.

A formación eclesiástica proporcionoulle un dominio do latín, que xunto cos posteriores estudos de historia e a prodixiosa imaxinación e capacidade de traballo, convérteno nun dos máximos expertos en epigrafía do país.

Autor de máis de trescentos artigos e dúas ducias de extensas publicacións monográficas sobre arqueoloxía e historia antiga, entre as que destacamos pola relación directa coa Limia:

 

Vilar de Santos, 29 de setembro de 2018.