A investigadora e etnógrafa por vocación, Mercedes Vázquez Saavedra (Sarria, 1949), presenta no Museo Etnográfico da Limia  a exposición “Viaxe polo Mundo das Máscaras”. A mostra permanecerá no Museo do 7 de outubro ao 25 de novembro. Funcionaria na área de Asuntos Sociais e coordinadora sociocultural, da súa paixón pola etnografía resulta esta mostra visitable ata o último domingo do mes de novembro.

Coa presenza do alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón Pedras, da do Presidente do Padroado, Delfín Caseiro, da propia autora da exposición, Mercedes Vázquez, e das nenas e nenos do CEIP Carlos Cid Arregui, de Rairiz de Veiga, foi hoxe o día elixido para inaugurar este percorrido de anos polo mundo das máscaras, no que flúe un respecto escrupuloso polos signifcantes e significados da mascarada ibérica. Encetado o seu percorrido en Bandeira (Silleda) a 2 de febreiro de 2018, foi precisamente a mostra de Silleda, coordinada por José Goris e Juan Liñares, a que levou a autora a apostar pola itinerancia do seu traballo de investigación, tendo neste 2018 pasado previo á chegada a Vilar de Santos por O Saviñao, Ecomuseu de Salto (Montalegre, Portugal), Celanova,  A Veiga, Castro Caldelas e Vilar de Santos antes de rematar 2018 en Mogadouro, Portugal.

Cun significativo volume de fotografias, Vázquez Saavedra, viaxa neste traballo por unha multitude de lugares e tradicións, das aldeas do Xisto do Centro de Portugal, á Seabra ou ao  Oriente ourensano, só por referir algunhas das localizacións inmortalizadas pola investigadora de Sarria. A mascarada retratada pola autora amosa, polo demais, diferentes graos de vitalidade en razón dun andazo que azouta o Occidente rural peninsular, o despoboamento, compartindo, no entanto, a excelsa creatividade e orixinalidade que sempre asistiu ao pobo deste canto do mundo. Para aquelas máscaras máis ameazadas, o traballo de Mercedes Vázquez resulta un tesouro imprescindible, para as que non o están tanto, unha oportunidade de as apreciarmos doutro xeito: acudindo ao Museo Etnográfico da Limia, sábados e domingos de 16:00 a 18:30 ou entrando en contacto co Concello de Vilar de Santos para programar unha visita á mesma calquera día da semana.