No ano en que os nosos protagonistas naceron tiña a Limia un crego alcalde, Galiza un médico presidente e España, un avogado que de entrada, á OTAN non, tamén como presidente. Corría 1983 e esta nosa comarca aínda non se vira abafada nin por xurros nin por corredores de colexios baleiros, mais é, naquel ano aínda non abrira o último dos agrupamentos escolares que parira a EXB constituído na Limia, Sandiás. En 2019 segue Sandiás, Calvos tivo, no entanto, que recuncar no dos Blancos, e seguimos cismando en como parar este andazo de xente que non nace.

Os nosos protagonistas tamén che saben de emigración, Éibar acolleu a infancia dunha deles dous, sabemos pois que falamos nun par, nun par creativo que, presentado por un noso paisano de onde a Galiza se chama Matamá, tivo a ben encetar a programación da Biblioteca da Limia, proxecto inserido no Museo Etnográfico da Limia, mais que pretende voar ceibe, achegando á nosa comarca, o que de mellor produce no plano da creatividade cultural. Non entretemos máis, e é que baixo o título “A palabra e son. Da canción de autor/a ao spoken word” terá lugar o próximo día, sábado 2 de febreiro ás 18:30 un encontro-palestra-presentación en torno á obra dos limiaos Xabier Xil Xardón (1983) e Sheila Fernández Conde (1983), cuxo percurso vital enveredou no caso do Xabier pola vea poética e no da Sheila polo escrutinio ensaístico da nosa realidade como pobo que canta, neste caso, ao redor da Canción Protesta, e máis concretamente, do colectivo Voces Ceibes.

“Detéxtonos”, editado por Positivas e “Agora Entramos Nós. Voces Ceibes e a canción protesta galega” saído do prelo co apoio do Consorcio de Santiago, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro do 50 aniversario do fenómeno Voces Ceibes, son pois as obras con que nos interpelan os dous autores, integrantes, polo demais, da Biblioteca da Limia e que terán a ben presentarnos este próximo sábado, logo da introdución do multifacetado Leo i Arremecághona, quen tamén haberá acompañar musicalmente o recitado de Xabier Xil.

Da obra de Xabier Xil, dá conta o propio autor nunha entrevista en Praza, en que nos avisa do embrutecer dun tempo, do esfarelar dunha realidade que se nos escapa, que adianta desesperanza, un idealismo truncado por mil derrotas, o autor alerta, en fin, para este proceso de individualización que parece chantado no futuro mais que nos atrela xa no presente. Talvez dese idealismo esnaquizado non quixesen saber os mozos de Voces Ceibes, movimento absolutamente innovador nunha Galiza en ton cincento que, a cabalo dos tempos que alá fora se movían, pretendía non perder máis trens, unha proposta estilística que bebendo do de fora enchoupa tamén e retira coñecementos do que somos como pobo. Cremos que tendes motivos para vir a escoitar o que nos din, non si.