Velaí as optimistas conclusións de Serafín González, presidente da SGHN e investigador do CSIC, sobre o futuro da nosa comarca, A Limia, González foi un dos palestrantes do primeiro dos debates da xornada de conmemoración dos 60 anos da desecación da Lagoa, canda el interviron Amador Díaz Penín e Servando Álvarez Pousa, presidente da Asociación de Produtores de Patacas da Limia e director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro ligado ao INORDE.

Despois deles foi a vez de presentar diversas iniciativas exemplo de unha relación sustentable co territorio. Nelson, de Carabuñas, María Ferreiro, propietario de unha plantación de vimbio, Roberto Nieto, dono dunha explotación de millo forraxeiro, Samuel Formoso, propietario dunha explotación de vacún en extensivo e Iván Gil, dono dunha cabana de vacas limiás en Covelas, os Blancos, faláronnos das súas experiencias.

Malia a ameaza de nubes grosas sobre o ceo de Vilar de Santos que máis non deixaron ca unha pinga, o patio do Museo Etnográfico da Limia virou anfitrión dun animado debate en torno do presente e futuro da nosa comarca co 60º aniversario da desecación da Lagoa como pano de fondo e o sector agrogandeiro como tema de debate fundamental. Á exposición “Antela. A Memoria Asolagada” que nos resgataba o pasado, coidouse desde o Museo, debía seguirlle unha ollada cara ao presente e futuro da comarca. Así, e no primeiro dos debates, Servando e Amador procuraron salientar as excelentes condicións que reúne a nosa comarca para a práctica da agricultura. Díaz Penín mesmo reivindicou a idoneidade do antigo leito da lagoa como espazo produtivo, quer polas óptimas dimensións do aparcelado, quer pola particular edafoloxía do terreo. Non tan centrado no perfil produtivo da comarca, Serafín González, en troques, alertou para os desequilibrios na cabana gandeira, cun exceso de estabulación que incidiría nas alarmantes cifras de produción de xurro. González considerou, así mesmo, que é posible combinar agricultura, gando en extensivo e recuperación ambiental, e puxo como exemplo a rehabilitación ambiental da Veiga de Gomareite, onde amáis de ducias de recuperadas especies salvaxes, pace o gando dun dos intervenientes do segundo debate, Samuel Formoso. Antes deste segundo debate houbo aínda tempo para a polémica á volta do Plan Sectorial doutro espazo pendente de naturalización, o das graveiras da Limia, González achou gravísimo que desde a Administración se tivese mentido á UE só por sacar adiante aquilo que tiñan en mente para un sector tan controvertido como da minaría.

“É preciso reactivar o Banco de Terras de Galicia”

Tras un descanso duns poucos minutos, chegou a vez de escoitar as reflexións de cinco iniciativas que tiñan como elo de ligazón unha idea común de sustentabilidade e de relación harmoniosa co medio, amáis de compartiren seren proxectos alleos aos tres principais subsectores de actividade agrogandeira na comarca, trigo, patacas e granxas. Vimbio, sabugueiro e millo, amáis de gando en extensivo, foron os exemplos que propiciaron un animado debate  e cuxa principal conclusión xirou en torno á común necesidade de disporen de terras. Lamentaron, todos, o fracaso do Bantegal, a inacción a este respecto, a falta de apoio institucional. Formoso, que viña de visitar Somiedo, concello asturiano próximo a Galiza; laiábase do vigor da gandeiría naquel concello, onde os gandeiros reciben axudas, “hai nenos na escola e máis de 150 gandeiros dados de alta” como proba esta, de que a gandeiría pode xerar riqueza e fixar poboación, laiábase, diciamos, porque non deixaba de o comparar co panorama local, malia a que non deixou de agradecer o apoio da SGHN pois, grazas a ela, dispón “de máis terreo” para o seu gando. Tanto Formoso como Iván Gil, queixáronse, así mesmo, de que pouco lles pagaba a pena estaren clasificados como carne suprema, se a normal é paga case como a deles, para Formoso, o que importa é que “Coren venda”.

Para Nelson (Carabuñas) e María, dona dunha plantación de vimbio en Pidre (Xinzo de Limia) é tamén moi importante refacer o Bantegal, póndoo á disposición de quen queira facer da terra o seu xeito de vida. Cren, ambos, que iniciativas como as deles, tidas como exóticas, son exemplo de que é posible articular múltiples iniciativas en torno do territorio, mais que cómpre que reciban apoio.

Roberto Nieto, dono dunha explotación de millo forraxeiro, decantouse por esta planta polo seu excelente rendemento por hectárea, a súa maior fortaleza de cara ás doenzas e o menor cuidado que precisa, malia a que recibe “o mesmo adubo que o cereal”. Nieto, que ten nos gandeiros aos seus principais clientes, considera que a nosa comarca é mesmo mellor do punto de vista produtivo que zonas máis tradicionalmente asociadas a este cultivo, como o interior da provincia da Coruña ou Lugo, porque “temos máis sol e regadío que eles non teñen”.

Xornada, pois, de debate e reflexión, nun ateigado e participativo patio do Museo, que serviu de colofón aos actos que ao longo deste ano 2018, pretenderon conmemorar os sesenta anos desde o inicio dos traballos de desecación da Lagoa de Antela.

Público asistente

Experiencias de agrogandeiría sustentable

Agricultura e biodiversidade na Limia