O Museo da Limia crea o Premio Pedra Alta e distingue nesta primeira edición ao lexicólogo, etnógrafo e profesor de Xunqueira de Ambía, doutor en Filoloxía Románica, don Elixio Rivas Quintas.

O pasado 30 de setembro constituíse en Vilar de Santos o Consello Asesor do Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, que ten como finalidade definir e planificar a programación de actividades desta entidade.

Forman parte deste órgano asesor, que conta coa colaboración do ex-director do Museo de Ribadavia Xosé Carlos Sierra, máis de 20 limiaos/ás, entre os que se encontran o Alcalde de Vilar de Santos Xoan Jardón, o catedrático de Lingua e Literatura Galega e inspector de ensino Delfín Caseiro, o historiador Edelmiriro M. Cerredelo, os arquitéctos Manuel Seoane e Lola Peláez, o ex-alcalde de Vilar de Santos Antón Jardón, o ex-director do CPI de Rairiz Carlos Cid Arregui, a dona do café cultural “A Arca da Noe” Noemi Vázquez, a xerente da librería Nóbel de Ourense Celia Fernández Clemente, o director da revista Lethes Xosé Badás e o escultor Xosé Lois Carrera.

A primeira xuntanza do citado Consello Asesor, dirixida polo presidente do Padroado do Museo da Limia, Delfín Caseiro Nogueiras, acordou crear o premio Pedra Alta, un galardón cuxo obxectivo é recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades, encamiñados a pór en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual, os elementos identitarios, ou o apoio ao desenvolvemento económico e social da comarca da Limia.

A persoa merecente do primeiro “Pedra Alta”, correspondente a este ano 2017, é don Elixio Rivas Quintas.

Na citada xuntanza acordouse abrir ao público, na segunda quincena do mes de xaneiro de 2018, a nova sala denominada Biblioteca da Limia, na que estará exposta a obra de 28 autores limiaos.

Tamén se deu a coñecer a nova Xunta Directiva. Presidente de Honra: Xan Xosé Jardón Pedras, Alcalde de Vilar de Santos, Presidente do Padroado: Delfín Caseiro Nogueiras, Vicepresidente: André Taboada Casteleiro, Coordinador: Xosé Antón Jardón Dacal, Tesoureiro: Jorge Miranda Borrajo, Secretaria: Sabela Rodríguez Jardón.

 

Vilar de Santos, 2 de outubro de 2017.

O coordinador do Museo da Limia

XOSÉ ANTÓN JARDÓN DACAL

 

ELIXIO RIVAS QUINTAS (A Abeleda, Xunqueira de Ambía, 1925).

 

Padre paúl, con destinos en Inglaterra (9 anos) e en Cuba (6 anos), de onde é expulsado após o triunfo da Revolución Cubana. En Galicia, exerce a docencia no colexio San Narciso de Marín (Pontevedra) e no dos Milagres do Medo (Baños de Molgas, Ourense). Tamén imparte aulas nos campus universitarios de Ourense e Lugo.

Doutor, con premio extraordinario, en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago. Primeiro presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago. Cofundador da Asociación Galega de Onomástica. Membro da Comisión de Toponimia de Galicia do Consello da Cultura Galega e correspondente da Real Academia da Historia. Obtén, entre outros, o Premio Otero Pedrayo en 1980 e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia no ano 2000.

Ten desenvolvido un labor infatigábel nos ámbitos da Lexicoloxía, a Onomástica, a Toponimia, a Filoloxía e a Etnografía. O padre Rivas Quintas é un dos máis importantes estudosos do territorio limiao e da ruta sur do Camiño de Santiago. Camiñante de todos os camiños, o seu libro A Limia: Val da Antela e Val do Medo (1985) é unha auténtica enciclopedia que reúne todos os saberes das terras limiás.  

Como lexicógrafo, é autor dunha obra monumental recollida en 24 volumes, Léxico rural do noroeste hispánico, resultado de máis de 40 anos de investigación e estudo e con títulos como Tear, tecido e complementos (1992), Millo e hórreo. Legumia e cestos (1996), Ferramenta e labranza manual (1997),  O muíño (1997), Os castiñeiros e as castañas (1997), O forno do pan (1998),  Pan, sega e mallas. Medidas (1999), A auga na natureza (2000).

A triloxía Frampas: contribución al diccionario gallego (1978), Frampas II (1988) e Frampas III (2001) compilan perto de 18.000 entradas.

As súas contribucións máis relevantes á Filoloxía galega materialízanse en dúas publicacións: Lingua galega: historia e fenomenoloxía (1989) e Lingua galega: nivéis primitivos (1994).

Outras obras de altura son Toponimia de Marín (1982), Onomástica persoal do noroeste hispánico (1991), Terra das Frieiras (2002) ou Natureza, toponimia e fala (2007).

A súa extraordinaria capacidade de traballo e o seu inxente saber aparecen reflectidos en numerosas colaboracións en  revistas e publicacións colectivas.  O padre Elixio é un dos máis grandes sabios da nosa terra, que ten contribuído con extraordinaria xenerosidade a estudar, difundir e acrecentar a cultura galega. É ben merecente do recoñecemento de gratitude da sociedade galega.

 

CONSELLO ASESOR DO MUSEO DA LIMIA:

 

Xan Xosé Jardón Pedras

(Alcalde de V. de Santos)

Delfín Caseiro Nogueiras

(Catedrático de Lingua e Literatura Galega, Inspector de Ensino)

Manuel Seoane Feijoo

(Arquitecto, Profesor da Escola Antón Failde)

Xosé Antón Jardón Dacal

(Ex Alcalde de V. de Santos, Secretario de A. Local xubilado)

Mª Dolores Peláez Rivero

(Arquitecta, Profesora da Escola Antón Failde)

Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro)

(Historiador)

Noemí Vázquez Nogueiras (Noe)

(Ensinante, Propietaria Arca da Noe)

Oscar Fernández Graña

(Funcionario, Seprona)

André Taboada Casteleiro

(Tradutor)

Celia Fernández Clemente

(Xerente Librería Nobel Ourense)

Sabela Rodríguez Jardón

(Ensinante xubilada)

Anxel Dacal Jardón

(Avogado)

Carlos Cid Arregui

(Ensinante xubilado)

Antonio Míguez Nogueiras

(Empregado, Tte. Alcalde Vilar de Santos)

Rafael Adalid Rodríguez

(Ensinante)

Manuel Jardón Pedras

(Ensinante xubilado)

Xosé Antón Taboada Fernández

(Empresario Xubilado)

Xosé Carlos Sierra Rodríguez

(Ex Director do Museo Etnolóxico de Ribadavia)

Antonio Nogueiras Castro

(Empresario)

Xosé Badás Fernández

(Funcionario, Director Revista Lethes)

Xosé Lois Carrera López

(Escultor)

Xosé Antonio Carrera Abelleira

(Empresario)

Xulio Blanco Dapoza

(Ensinante)

Jorge Miranda Borrajo

(Empregado)