O último venres de outubro, día 25, ás 19:00 foi a data escollida para presentar o número 14 revista Lethes nun Vilar de Santos que rebulía de actividades, ás mesmas horas, daba inicio na Arca da Noe o I Festival de Sendeirismo da Área de Allariz. Entre tanto o salón multiusos do Concello de Vilar de Santos congregaba un cento de asistentes dispostos a coñeceren de primeira man o que o novo e agardado número da que é xa unha referencia cultural para todo o Val do Limia, a revista Lethes, a publicación que co impulso compartido do Centro de Cultura Popular do Limia e o Museo Etnográfico da Limia e o apoio tanto do Concello de VIlar de Santos coma da Deputación de Ourense, mellor ten debullado o sino de sermos limiás e limiaos nestes últimos vinte anos, vinte anos pois de celebración en torno ao que nos define como habitantes desta terra. 

 

O acto tivo a introdución do Coordinador do Museo da Limia, Xosé Antón Jardón Dacal trala xustificada ausencia do presidente da entidade, Delfín Caseiro, Jardón deu deseguido paso aos intervenientes principais, a presidenta do acto, Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega e Manuel Seoane Feijóo, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia aos que precedeu o acompañamento musical dos irmáns Félix e Cástor Castro, quen tiveron tempo para nos deleitar, entre outras, con pezas da comarca recollidas por eles mesmos. 

 

Foi o da tarde do 25, un acto intencionadamente áxil comezado por Manuel Seoane quen logo de recomendar a negativa como xeito de negociar a militancia cultural interpelou o tamén presente Xosé Badás, por consideralo o verdadeiro rostro por detrás deste tesouro cheo de voluntarismo chamado Lethes. Seoane explicou a seguir a traza do número 14, unha peza que reuniu veteranos e novos contribuíntes en torno dun tema principal, a Lagoa de Antela, unha vez que no ano presente conmemorabamos os 60 do comezo das obras de desecación do citado espazo lacustre, unha colectánea doutros tantos temas de semellante interese e a achega dos textos de aceptación do premio dos nosos dous primeiros Pedra Alta, don Elixio Rivas Quintas, Pedra Alta 2017 e don Antonio Rodríguez Colmenero, Pedra Alta 2018. 

 

 

Trala intervención de Seoane, chegou a vez de Rosario Álvarez Blanco, a presidenta do Consello, quen se sentiu agradecida de participar dun acto que para a recoñecida filóloga revestía singular importancia, a Presentación dunha publicación onde o voluntarismo de quen a promove é clave. Álvarez Blanco relembrou o camiño cara á presidencia do Consello como presidido por unha vontade de igualdade, igualdade non só no evidente nesgo de xénero que amosaba o feito de estarmos perante a primeira “presidenta” do Consello, senón tamén en chave de país, un País no que cómpre, a xuízo de Rosario Álvarez, combater as asimetrías e desequilibrios, entre outros, entre urbano e rural, “o rural tamén merece cultura”, frisou Álvarez, e entre o eixo atlántico e o interior, un interior que non pode nunca máis quedar por fóra do circuíto cultural do País, ·”é ese obxectivo desta Presidencia”, garantiu Rosario Álvarez ofrecéndose así mesmo desde o Consello a colaborar no que fixer, e puider o Consello, falta. Notábaselle á presidenta contenta por estar, en palabras dela, “nun lugar onde hai moita xenta a facer o que hai facer”. Sigamos facendo!

Audio da presentación:

https://www.ivoox.com/presentacion-do-n-14-da-revista-lethes-audios-mp3_rf_43566930_1.html