No pasado 5 de agosto continuamos a asinalar o noso 20º aniversario, desta vez enmarcado nos festexos na honra da Virxe das Neves. Un documental, “Cesteando”,  e unha actuación, Mini e Mero, tiveron por acubillo o Museo. 

Mini e Mero, nun momento da súa actuación

Mini e Mero, nun momento da súa actuación

Foi no Carril (así chamamos a esa parte do pobo de Vilar de Santos) onde Fuxan Os Ventos pasaron por acá por primeira vez, hai trinta e nove anos (1977), do histórico grupo formaban parte Baldomero Iglesias Dobarrio (Vilalba, 1951) e Xosé Luis Rivas Cruz (Begonte, 1951), Mero e Mini, en orde referida, Mini e Mero para todas nós, mestres, compositores, cantantes, escolmadores da nosa música tradicional e integrantes desde 1984 do grupo A Quenlla. En 2016 foi o Museo da Límia quen os recibiu de novo, no día das Neves, venres, 5 de agosto ás 21 horas.

Documental “Cesteando”
Xa antes, ás 18h30 recibimos o traballo do realizador Plácido Romero, produción da Arraianos Producións, sobre a figura de Toño González “Toño O Cesteiro”, cesteiro con orixes en Medeiros, asentado en Lobeira e de cuxo traballo trata a peza documental “Cesteando”, un necesario regreso aos oficios tradicionais, aínda vivos na persoa do Toño.

O noso agradecemento para quen tivo a ben achegarse polo Museo a gozar de ambos os eventos.