Camilo no mazadoiro cos seus veciños. Fotografía de Óscar Pinal. 2012. Sandiás, A Limia

O Museo Etnográfico da Limia vén expresar o seu fondo pesar polo falecemento do histórico militante comunista e guerrilleiro antifranquista, Camilo de Dios, último representante da Guerrilla Antifranquista no País, Camilo vivía retirado no seu Sandiás natal logo dunha vida de loita e compromiso político e de ter padecido nas propias carnes e nas da familia a pegada da represión franquista, privado da casa familiar substraída pola garda civil, os anos de cárcere da nai e o asasinato do irmán, Perfecto, por parte dos sublevados en terras castelás, marcaron fondamente un home que tamén penou cárcere e estivo condenado a morte.

Camilo, quen nos últimos anos mereceu numerosos premios, o último os «Mártires da Liberdade» que recibiu na casa neste pasado mes de outubro, foi tamén articulador das Comisiós Campesiñas na Limia, activo militante do PCE, magnífico e agudo conversador, e exemplo de dignidade. O enterro está previsto sexa esta quinta-feira, xoves ás 16:00 en Sandiás. Descanse en paz.