Mantén a cute limpa, sen enrugas, coma se fose aínda un mozo e tornase as vacas como cando rapaz no seu Fondodevila natal (na Xunqueira de Ambía) a camiño dos secos da Lagoa. Vén do Museo cara ao Salón de Multiusos onde se lle ha prestar homenaxe. Lentes, chaqueta azul e camisa e pantalóns negros. É o ben merecido primeiro homenaxeado do recentemente constituído Premio Pedra Alta. É 25 de novembro e neste sabático día celebramos Elixio Rivas Quintas. 

O salón multiusos do Concello de Vilar de Santos foi o local escollido polo Consello Asesor do Museo Etnográfico da Limia para a entrega da primeira edición do Premio Pedra Alta, galardón que pretende render homenaxe a quen co seu labor se teña destacado na defensa do patrimonio colectivo da comarca pondo en valor “o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual, os elementos identitarios ou o apoio ao desenvolvemento económico e social da nosa comarca”.

Presiden a sesión o Presidente de Honra do Museo da Limia e alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón e o Presidente do Consello Asesor do Museo, Delfín Caseiro, acompáñannos o homenaxeado, Don Elixio Rivas Quintas e o amigo, encargado da laudatio ao profesor Rivas, José Antonio Quintas, unidos para sempre a través da posta en valor do Camiño de Santiago. Jardón dá as boas vindas aos asistentes e móstrase honrado co feito de acoller a primeira edición do Premio, logo ha dar paso a Delfín Caseiro, quen subliña a unanimidade que a figura de Don Elixio causou á hora de concederlle o premio, trala intervención do presidente do Padroado, correspóndelle a Sabela Rodríguez, como secretaria do Padroado, dar conta do nomeamento de Don Elixio como merecente do Premio Pedra Alta. O público que ateiga o salón de actos do concello, érguese en pechada ovación cando Don Elixio recibe de Xan Jardón e Delfín Caseiro a figura labrada polo escultor Xosé Lois Carreira e o diploma elaborado por Manuel Seoane e Lola Peláez. Trala entrega chega a laudatio do amigo José Antonio Quintas, como Caseiro, que interpelou directamente a Deputación, Quintas salienta as débedas que temos contraído cun home de quen xamais oíu queixa ningunha. O homenaxeado pecha a solemnidade do acto cunha maxistral incursión polas pegadas do noso pasado, incursión que ha ver a luz no número 13 da revista Lethes que se ha publicar en próximas datas.

 

Tras un 2016 de conmemoracións ao redor dos 20 anos da chegada do Museo da Limia á antiga casa reitoral de Vilar de Santos, o ano 2017 tíñase marcado como obxectivo a renovación dos órganos representativos da entidade, así e en razón dese proclamado propósito, o pasado 30 de setembro unha serie de persoas vencelladas, dun ou doutro xeito, co espazo museístico, fomos convocadas a renovar o Padroado do Museo adoptando a fórmula de Consello Asesor encabezado pola figura do catedrático de lingua e literatira galega, Delfín Caseiro. Unha das primeiras decisións do Consello foi a de crear o Premio Pedra Alta. De seguido xurdiu un nome a quen atribuír o que se pretende sexa un recoñecemento de periodicidade anual: o insigne estudoso Don Elixio Rivas Quintas. Doutor en Filoloxía Románica, destacado etnolinguísta e multifacetado investigador que ten prestado atención aos máis variados eidos do saber, sempre cunha especial e dedicada atención á nosa comarca, da onomástica á etnografía, da arqueoloxía aos estudos relixiosos, unha vasta bagaxe investigadora presidida, entre outras, por unha obra capital para entendermos a historia, costumes, tradicións e lingua da nosa comarca: A Limia. Val da Antela e Val do Medo.

Celebremos Don Elixio Rivas Quintas

 

Vilar de Santos, 25 de novembro de 2017