O Museo da Limia presenta a figura do premio Pedra Alta, que consiste nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta, creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O premiado recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Os tres, membros do Consello Asesor do Museo da Limia, colaboran de maneira altruísta.

O premio, concedido polo Museo da Limia con carácter anual, foille outorgado nesta primeira edición de 2017 ao doutor don Elixio Rivas Quintas e a entrega das distincións e o acto académico, abertos a cantos queiran asistir,  será na sede do Museo da Limia o vindeiro día 25 de novembro (sábado). A celebración concluirá  cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás.

O obxecto deste premio é recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades,dedicados a pór en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual e os elementos identitarios, así como o seu apoio ao desenvolvemento económico e social da comarca da Limia.

O padre paúl Rivas Quintas vén compaxinando ao longo da súa dilatada existencia a actividade docente, na ensinanza secundaria e na superior, cun inxente traballo de investigación e difusión en saberes como a Lexicoloxía, a Onomástica, a Toponimia, a Filoloxía e a Etnografía. Autor, entre máis de 50 obras,  dunha obra lexicográfica monumental, reunida en 25 volumes, Léxico rural do noroeste hispánico e dun libro fundamental para o estudo do territorio limiao, A Limia: Val da Antela e Val do Medo (1985). Artífice, así mesmo, dun completísimo museo arqueolóxico-etnográfico, compendio material de todos os saberes populares, que se garda en dependencias do santuario dos Milagres doo monte Medo. O padre Elixio é un dos máis grandes sabios da nosa terra, que ten contribuído con extraordinaria xenerosidade a estudar, difundir e acrencentar a cultura galega. É ben merecente do recoñecemento de gratitude e admiración de toda a sociedade galega.

 

 

Vilar de Santos, 25 de outubro de 2017.