Vilar de Santos, 3 de abril de 2018

 

O Museo da Limia celebra con satisfacción e orgullo a concesión por parte da Deputación Provincial de Ourense da Medalla de Ouro da Provincia a don Elixio Rivas Quintas, distinción ben merecida e xusta a un dos máis grandes sabios da Galicia contemporánea. Con máis de 50 libros publicados e centenares de colaboracións en revistas de diverso signo, a súa inxente contribución á cultura e ao saber de nós,  en múltiples disciplinas, foi angueira xenerosa e infatigábel que o acompañou ao longo da súa fecunda existencia desde os afastados tempos de rapaz.

Despois do recoñecemento entusiasta que lle foi tributado pola súa terra natal limiá no pasado mes de novembro, ao ser distinguido de maneira unánime co Premio Pedra Alta na súa primeira edición (2017), instituído polo museo para significar aquelas persoas ou entidades relevantes no ámbito do territorio, chégalle agora a don Elixio o tributo de toda a provincia, a cuxo coñecemento e divulgación tanto ten contribuído de maneira altruísta, sempre con curiosidade,  paixón e esforzo.

Desde o Museo da Limia, os nosos máis sentidos parabéns para don Elixio Rivas Quintas por esta nova distinción e a nosa eterna gratitude polo seu extraordinario legado.

 

Delfín Caseiro Nogueiras

Presidente do Padroado do Museo da Limia