Co seminario “Museos, etnografía e antropoloxía” e tendo por sedes Santiago de Compostela e Vigo, o Museo do Pobo Galego conmemora os seus 40 anos de existencia cunhas xornadas que se prolongarán do día 28 ao 30 de setembro. 

Desde a entidade museística pretende “reflexionar sobre o patrimonio etnoantropolóxico en xeral”, abordar a relación que a sociedade e as administracións manteñen co patrimonio “etnoantropolóxico”, analizar a problemática e perspectivas actuais dos “museos, coleccións, ecomuseos, recoñecidos ou non oficialmente”, abríndolle as portas aos mesmos para lles “dar voz”, mantendo deste xeito unha relación co Museo do Pobo.

O seminario que como diciamos pretende conmemorar o 40º aniversario do Museo do Pobo Galego, inclúe cinco relatorios e outras tantas mesas redondas. As sesións, informan desde a entidade, serán públicas e abertas.

O noso Museo estará presente nas xornadas coa participación de André Taboada Casteleiro na mesa de debate que seguirá ao segundo dos relatorios, o xoves 28 de setembro ás 18h30 no Auditorio do Museo do Pobo Galego, xunto a Secundino García Mera (Museo da Capela – As Neves), Xosé Manuel Broz Rey (Museo da Terra de Melide) e Xoán Xosé Molina Vázquez (Museo Comarcal da Fonsagrada).

Deixamos a continuación a ligazón ao pdf da programación, non sen antes enviar os nosos parabéns á entidade irmá por estes 40 anos de singradura:

http://museodopobo.gal/web/uploads/pdf/Seminario%20Museos%20(baixa).pdf