A Rede Revolta fará uso das instalacións do Museo no decurso do encontro “Rural Imaxinado”

Vilar de Santos acollerá o 9 de novembro unha nova edición dos encontros Rural Imaxinado que organiza a rede REVOLTA, con esta xornada preténdese xerar un espazo de debate entre interesados/as no mundo rural, labregos/as, activistas, emprendedores/as e investigadoras/es das universidades cos que tecer diálogos sobre a realidade do rural galego hoxe en día. A través deste encontro público preténdese seguir construindo pontes entre a sociedade e a universidade e por iso as conversas que terán lugar foron seleccionadas a partir dunha chamada aberta á participación. O alto número de propostas recibidas acredita na idoneidade da organización dunha xornada destas características, que volve a ter lugar nun enclave rural, como acontecera na anterior edición en Lalín.

A xornada dará comezo ás  10:00 no Auditorio do concello ourensán de Vilar de Santos coa benvida por parte de Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea e coordinador do grupo de investigación HISTAGRA da USC e Xoan Jardón, alcalde Vilar de Santos. A primeira mesa estará adicada a agroalimentación e nela contaremos coa presenza de experiencias tan exitosas como Carabuñas e A Arca de Noe, á vez con Luis Couto abordaranse estratexias para a comercialización de produtos agrarios no marco normativo actual e Celtia Traviesas pechará esta primeira mesa coa cuestión “Comer comemos todas. A cidade como aliada”

Ás 12:00 e no mesmo emprazamento, no auditorio, terá lugar a mesa Abandono e volta, eixos que guían esta edición. Contaremos coa presenza de Maria Bella e Frank Buschmann quen analizarán a súa traxectoria de pasar de vivir en Madrid a Corcubión. Con Rocio Toxo abordaranse as experiencias sobre a acollida de habitantes de procedencia urbana e orixe non galega en aldeas do interior de Galicia. A investigadora e activista Araceli Macías analizará as “Voces das últimas que foron quedando” e por último Cristina Collazo de A Cova das Letras apuntará a importancia das artes escénicas no rural.

 Xa na tarde, a partir das 16:00 e en catro emprazamentos terán lugar catro mesas paralelas; o obxectivo destas mesas e dividir aos asistentes en mesas de traballo co obxectivo de conseguir espazos participativos en grupos pequenos. Nesa hora de debate terá lugar a Mesa Participación Social no Rural coa implicación do colectivo Vangarda Miñoca; haberá outra mesa de traballo adicada a animais e medio rural, organizada por Davide A. Outeiro (Asociación Galega de Tracción Animal – AGATRAN) a mesa Cultura no rural coordinada polo investigador portugués Ricardo de  Campos; e a última mesa coordinada por Alejandro F. Palicio (Tecnoloxías Apropiadas ) versará sobre Investigacións fóra da academia.

A partir das 17:00 volverase ao Auditorio para compartir en común as conclusións elaboradas en cada mesa co obxectivo de  analizar en conxunto as principais achegas e conclusións do encontro. A xornada é gratuita, máis cómpre anotarse no email rede.revolta@usc.es co obxectivo de poder aquelar os espazos de traballo.

Esta xornada ademais supón un chanzo máis no camiño emprendido por oito grupos de investigación das universidades galegas (historia agraria, economía, enxeñería ou estudos da cultura) que a través da Rede REVOLTA en agroecoloxía están impulsando unha serie de encontros, xornadas e proxectos cos que atender ao medio rural galego e especialmente a agroecoloxía, como forma de desenvolvemento sustentable para o país.

 

Resumo do programa

 

10:00 – 10:20 BENVIDA (AUDITORIO MUNICIPAL)

Lourenzo Fernández Prieto (HISTAGRA, USC)

Xoan Jardón (alcalde de Vilar de Santos)

 

10:20 – 11:40 MESA AGROALIMENTACIÓN

Modera Lourenzo Fernández Prieto (HISTAGRA, USC)

Carabuñas por Nelson Alonso e Eva González

Comer comemos todas. A cidade como aliada por Celtia Traviesas

A Arca da Noe: Quatro anos a navegar pola cultura do rural por Noemí Vázquez

Estratexias para a comercialización de produtos agrarios no marco normativo actual  por Luis Couto

 

11:40 – 12:00 DESCANSO

 

12:00 – 13:20 ABANDONO E VOLTA

Modera Eduardo Corbelle (LABORATE, USC)

Desde un lugar de augas fértis, Corcubión, na terra dos montes sagrados, Nemancos por Maria  Bella  e  Frank  Buschmann

Experiencias sobre a acollida de habitantes de procedencia urbana e orixe non galega en aldeas do interior de Galicia por Rocío Toxo

Rural é teatro por Cristina Collazo

Voces das últimas que foron quedando por Araceli Macías

 

13:20 – 14:00 DEBATE

 

16:00 – 17:00 MESAS DE TRABALLO PARALELAS (AUDITORIO MUNICIPAL + MUSEO DA LIMIA)

 

MESA PARTICIPACIÓN SOCIAL NO RURAL

Vangarda Miñoca / Modera Fran Quiroga (HISTAGRA, USC)

 

MESA CULTURA NO RURAL

Ricardo de Campos (UNINOVA – Lisboa) e Ema Pires (U. de Évora) /  Modera Beatriz Rodríguez Morales (ECOAGRASOC, USC)

 

MESA ANIMAIS NO RURAL

Davide A. Outeiro (Asociación Galega de Tracción Animal) / Modera Emilio Carral (GALABRA, USC)

 

MESA INVESTIGACIÓNS FÓRA DA ACADEMIA

Alejandro F. Palicio (Tecnoloxías Apropiadas ) / Modera Xavier Simón (GIEAAH, UVIGO)

 

17:00 – 17:45 POSTA EN COMÚN E CONCLUSIÓNS