O filólogo e poeta limiao Xabier Xil Xardón ofrécenos unha crónica do roteiro impulsado polo portal historiadegalicia.gal e guiado polo secretario da SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega), Miguel Losada.

Tan perto pero tan lonxe, tan á vista e tan oculto ao mesmo tempo temos o noso patrimonio, que antas, castros, mosteiros, castelos, pazos e aldeas enteiras véñense embaixo a rentes dos nosos fociños día si e día tamén. O noso patrimonio, como a nosa memoria e o rural mesmo, esboróase sen aparente solución de continuidade, nun ciclo que nos aboca á desaparición e que de natural ten pouco, malia ao que habitualmente pensamos. Porque o abandono, tamén o do rural, sempre é unha decisión colectiva.

E precisamente contra ese abandono e esa desmemoria é que se celebrou o pasado sábado 13 de outubro un roteiro circular que uniu o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras e o Castelo da Portela de Sanxoán, máis coñecido entre nós por Torre de Pena. Organizou a camiñada a xente de rutasdegalicia.com, cuxo proxecto convidamos a descubrir e a seguir, e guiouno maxistralmente o arqueólogo Miguel Losada.

Este Miguel Losada, secretario da SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega), foi o director das escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente no Castelo de Pena. Coñecedor privilexiado, pois, dos xacementos polos que a ruta pasou e coñecido e querido tamén polos veciños da contorna grazas ao traballo impagable de recolla de materiais etnográficos e máis de divulgación que fixo durante as labores de escavación. Pertence a esa nova xeración de investigadores de campo que tenta sempre vincular as poboacións locais no coñecemento, recoñecemento e posta en valor do seu propio patrimonio. E abofé que o consegue.

 

As paradas do roteiro

O punto de partida da xornada foi o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, onde o guía contextualizou a obra, os motivos da súa fundación, explicou como era o día a día nun centro desas características e cales as labores de xestión territorial que se desenvolvían desde el. Ao pé do mosteiro, a presenza fantasmal da Lagoa de Antela e a súa importancia económica e social empezou axiña a se deixar sentir e xa non abandonaría o grupo nin as explicacións do guía.

A segunda parada foi a Igrexa de Pena, reconstruída en época Moderna sobre as bases dun templo anterior, que garda numerosos segredos e vínculos co templo antigo e co propio Castelo de Pena, cara ao que se dirixiu a seguir o grupo e que supuxo a parada máis demorada na ruta. Alí continuou a peculiar viaxe atrás nos tempo, desta volta ao contexto das liortas fronteirizas propias dun territorio polo que discorreron desde antigo algunhas das principais rutas de paso entre o que hoxe é o norte de Portugal e o sur de Galicia.

De volta ao mosteiro aínda houbo unha parada inesperada entre Pena e Trandeiras, na contorna da aldea de Soutelo. Alí meirande parte dos presentes escoitaron falar, por primeira vez, da igrexa de San Tomé de Soutelo, un templo que afunde as súas raíces aínda máis no tempo até a época sueva, infelizmente desaparecido no século XIX mais cuxa memoria pode agora saír definitivamente á luz grazas ao recente achado de varios sartegos.

 

Un novo activismo cultural

Acompañou tamén a xornada Xurxo Salgado, un dos xornalistas que impulsou o portal historiasdegalicia.gal, desde o que se coordinan as andainas de Rutas da Historia. Esta web, que leva xa varios anos ofrecendo contidos atractivos e rigorosos sobre a historia de Galicia, publicou recentemente numerosas entradas sobre temas vencellados á historia e ao patrimonio limiaos, de recomendabilísima lectura.

Para facérmonos unha idea da envergadura e alcance da proposta de Rutas de Galicia, baste apuntar que conseguiu xuntar os esforzos dun amplo colectivo de persoas e asociacións en defensa do patrimonio ao longo de todo o territorio nacional, que xa van pola segunda xeira de roteiros e que a resposta do público desbordou todas as súas expectativas. Conseguiron, para xa, vencellar axentes locais, investigadores e institucións para levar ao público xeral propostas de lecer para quen quixer camiñar o país afincando os pés na(s) historia(s) do territorio e recuperando o patrimonio oculto que atesoura o noso país. Agardamos, pois, que sigan camiñando por moitos anos.