Encostada nas abas do Larouco xorde Lucenza, unha desas aldeas grandes que nestas terras do sudoeste ourensán adoitamos dar máis polo nome de pobo ca de aldeas ou lugares. O caso é que, quer fose polo xeito en que aquí se herdase “o capital”, quer polo froito que daba un territorio agreste e frío, Lucenza, a Xironda ou Cualedro, son pobos grandes que entremedian entre dúas das comarcas máis ben definidas do País, A Limia e Monterrei. Alí naceu, en 1936, Antonio Rodríguez Colmenero, de alí partiu o rapaz para a capitalidade provincial para estudar a carreira eclesiástica no Seminario, exerce a carreira sacerdotal durante dez anos, para acabar por casar logo de ter coñecido a muller, Covadonga, mestra do saber histórico coma el.

Na Universidade de Valladolid, despois de ter cursado Filosofía e Letras, pasa a ser profesor de Historia Antiga, le a súa tese de doutoramento en 1975 e prosegue o seu percurso universitario polas Universidades de Deusto, como agregado, e Oviedo e Santiago de Compostela, como titular respectivamente e profesor visitante da Universidade de Heidelberg, Colonia e Macerata e Roma II Tor Vergata.

Conta entre as súas distincións ser Académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, Correspondente da Real Academia da  Historia, Vicepresidente da Fundación Aquae Quarquennae Via Nova e Director do Grupo Arqueolóxico Larouco , así como da revista homónima.

O seu libro Galicia Meridional Romana testemuña o traballo empeñado do profesor procurando deitar luz sobre un período esencial da nosa historia, a que corresponde co proceso de Romanización do territorio galaico. Esencial nese traballo que dura décadas, foi sen dúbida o seu labor ao redor do xacemento romano de Aquis Querquennis de quen se preza ser un dos seus máis destacados valedores, foi Colmenero quen dirixiu o groso dunhas escavacións encetadas na década de 1920 polo insigne arqueólogo Florentino López Cuevillas, coubo ao propio profesor Colmenero o mérito de convencer a propietaria do encoro, Fenosa, para que autorizase o reanudar a partir de 1975 das referidas escavacións. O campamento, ocupado entre o último cuarto do século I dc ata os anos vinte do II dc, xurdía como elemento funcional á construción da chamada Vía Nova, Vía XVIII que ligaria Asturica Augusta a Bracara Augusta. Dirixiu tamén o profesor diversas escavacións na cidade de Lugo, cidade onde continúa como profesor emérito, no Oratorio Paleocristián de Ouvigo, Os Brancos, en Aquae Flaviae e ten prestado o seu asesoramento en diversos proxectos relacionados coas vías romanas do Noroeste.

Velaí un pequeno bocexo o que fixemos dun home entregado con paixón inesgotábel ao esclarecemento do pasado da súa terra, da nosa terra. Este sábado, 24 de novembro, os seus ollos azuis enveredaban cara ás 11 da mañá pola porta principal do Museo da Limia, no segundo piso agardábao na mesa central da Biblioteca da Limia, a escolma doada polo propio autor á Biblioteca da Limia, entretido, non lle deu tempo a Dº Antonio en reparar que da xanela da Biblioteca é posible obter unha excelente panorámica do seu Larouco, o maxestoso cumio de 1527 metros que preside o horizonte de gran parte da nosa comarca e da súa terra nai.

Colmenero pentea 82 anos, cómprenos ese aviso biolóxico para decatármonos de que muito nos cómpre a todos nós para chegarmos na saúde que el conserva, a esa idade. Recolle o seu portátil e encamíñase, canda todos nós, cara á merecida homenaxe, alí agarda tamén Dº Elixio Rivas Quintas, o noso primeiro Pedra Alta.Enfeitado pola música do barítono Baldomero Pavón e máis do acordeonista Luis Humberto Cao, inaugura o acto o alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, quen saúda os presentes, entre eles, o alcalde do concello do homenaxeado, Cualedro, Luciano Rivero, e dá paso ao presidente do Padroado, Delfín Caseiro, quen glosa o merecido Pedra Alta 2018 antes do outorgamento oficial pronunciado pola secretaria do Padroado, Sabela Rodríguez Jardón, quen deixa paso á emotividade da laudatio feita polo vogal do Consello Asesor, Manuel Seoane Feijóo na honra do profesor Colmenero. O acto remata coa lección maxistral do profesor, unha lección en que o noso homenaxeado peneira todo canto se sabe deste recanto do mundo, non sen deixar de recoñecer como, por veces, os avances na ciencia histórica, proveñen do acaso, outras tantas dunha capacidade intuitiva e imaxinativa privilexiada, como sinalou Manuel Seoane, e sempre dunha determinación á proba de calquera tipo de obstáculo.

Afastando o relato de todo o tipo de nebulosa acrítica, Colmenero debrúzase sobre o que entende un territorio definitivamente configurado ao redor da penetración civilizatoria do exército romano. Delinea, polo tanto, o noso homenaxeado unha Gallaecia que muda, paseniño, ao paso firme, por máis que atrancado, da milicia romana, deténdose, entre outras cuestións, na evolución do coñecemento histórico a respecto das diferentes denominacións a este recuncho do Noroeste hispánico, coa redistribucións administrativas, a Gallaecia, a Asturia, a provincia transduriana…, ou na dedución interpretativa que leva ao profesor a concluír que os Cántabros, pobo sempre ubicado en coordenadas máis orientais, no cadrante cantábrico central, terían ocupado toda a faixa norte da Gallaecia.