As Salas do Museo da Limia

Sala 1 – O Mar da Limia

A desaparecida lagoa de Antela constitúe un elemento indispensable para comprender a evolución da Limia durante o último século.

A súa desecación desencadeou unha serie de acontecementos que se viñan xestando tempo atrás, e que se analizan nesta sala: Xeografía, o medio, a lagoa de Antela, a historia e a sociedade do territorio.

Sala 2 – O mundo rural

Durante séculos, a meirande parte da poboación no rural, estaba formada por labregos e labregas que traballaban terras, das que non eran donos, e polas que debían pagar foros aos propietarios, membros da fidalguía ou do clero.

Neste edificio, antiga reitoral de Vilar de Santos, gardábanse boa parte das colleitas que o campesiñado debía pagar como diezmo ao cura e ao bispado. Era a casa máis rica do pobo,  como mostra a súa impoñente arquitectura.

Xa na Idade Media, a Igrexa crea o que aínda hoxe coñecemos como PARROQUIA. Non tiña nin ten carácter administrativo nin xurídico pero, aínda así, centralizaba as actividades produtivas, mercantís, relixiosas e cívicas. En cada unha, había igrexa parroquial e os servizos comunais.

A carón das parroquias creáronse na Limia os Concellos abertos: xuntas de veciños que, reunidos no adro da igrexa en asemblea, tratan de arranxar os problemas cotiás que se producían na comunidade e repartir as tarefas de interese común tales como a limpeza dos camiños  veciñais, a utilización do monte ou o coidado do gando.

Sala 3 – O patio, os cultivos

No rural os períodos da vida da comunidade estaban determinados polos procesos do traballo da terra.

Os cultivos eran imprescindibles para a mantenza familiar e baseábanse na rotación sen descanso, cun ciclo de dous anos.

Entre o 30 e o 45% da superficie dedicábase a este sistema, e o resto a prados para o gando e monte baixo que se aproveitaba para facer a cama dos porcos que, unha vez usada, servía para esterco. Galiñas e coellos  aproveitaban o terreo inculto e parte das colleitas, e completaban a economía familiar.

Sala 4 – A casa

Interior dunha casa limega tradicional, coa recreación da lareira, espazo máxico da vivenda, e do cuarto, a carón da anterior aproveitando a súa calos. No ámbito rural, a arquitectura estaba inmersa na paisaxe, tomando dela os materiais precisos.

A casa limega define a vivenda, pero tamén a familia que habita anela, construción secundarias como o palleiro, propiedades, terreos e produtos colleitados.

Sala 5 – O Liño

Historia do cultivo na comarca así como unha mostra dos útiles e tarefas arredor do liño que testemuñan a súa significación na sociedade tradicional.

Foi importante base socioeconómica na Limia ata a crise de produción no s. XIX. Había boas condicións xeo climáticas para o seu desenvolvemento e numerosa man de obra no agro. Un tear, presente en case tódolos fogares nunha economía de auto abastecemento, e a recreación dun fiadeiro son elementos destacados da exposición.

Inclúe un obradoiro de tecido onde se levan a cabo actividades, cursos, etc… relacionadas co téxtil.

Sala 6 – Os oficios da Limia

Os oficios da Limia gardaban unha relación directa co traballo da terra e as materias primas que dela se extraen.

Complementaban as tarefas agrarias e axudaban  a equilibrar a economía doméstica, sendo moi difícil atopar persoas que se dedicasen de forma exclusiva a algún deles.

Canteiros, serranchíns e carpinteiros desprazábase alí onde eran contratados coas súas ferramentas e axudantes.

Sala 7 – A tenda e as feiras

AS FEIRAS

Durante séculos, a subsistencia houbese sido imposible sen as feiras, era a oportunidade para vender os excedentes agrarios ou as pezas fabricadas na casa, de proverse do necesario, de encontrarse con amigos e familiares e mesmo de concertar casamentos.

A TENDA-BAR

A tenda-bar era o punto de reunión para os homes e o único lugar de provisión entre feira e feira. Nela se compraban todos os produtos imposibles de cultivar ou fabricar en casa, desde botóns ata remedios para múltiples doenzas, desde zapatos ata velas.