O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, mantivo unha reunión este mércores 31 de maio en que entre outras cuestións foi abordada a necesidade de se acometeren reformas no edificio que acolle o Museo Etnográfico da Limia

A antiga reitoral de Vilar de Santos é a sede do Museo Etnográfico da Limia desde 1996, ano no que logo das reunións celebradas anos atrás co Bispado de Ourense, o devandito edificio pasaba a ser a sede da exposición permanente do Museo Etnográfico da Limia. A entidade tiña permanecido durante catro anos nunha sede provisoria, o edificio da Escola Unitaria de Vilar de Santos.

Jardón trasladoulle ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, a necesidade de se realizaren unha serie de actuacións para mellor preservar a importante escolma etnográfica da entidade. “Un percorrido” afirmou Jardón “polo patrimonio cultural da Limia” que precisa duns labores de mantemento continuados.

Neste sentido, o concello tiña acometido xa pola súa conta diversas obras de acondicionamento no pasado ano 2016, como por exemplo o adecentamento e pintura dos portalóns de entrada ao edificio.