988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

A cita que dá corpo ao título da crónica das III Conversas na Taberna foi o lugar común do que partiron os nosos convidados desta nova edición das Conversas. O evento que, dada a calidade e cantidade das intervencións, podemos dar por consolidado, xuntou preto dunha vintena de persoas que abordaron o estado actual dun cultivo clave para a comarca.

Foron múltiples as cuestións que se trataron na tarde do sábado pasado co punto de encontro da pataca. O do tubérculo é un tema que apaixona, certamente, aos limiaos e limiás e iso comprobouse unha vez máis no Museo Etnográfico da Limia. Os ponentes, Amador Díaz Penín (Patatas Ama), Xosé Antón Gándara Alonso (Patatas y Cebollas Gándara) e José Ángel Sotelo Castro (Patatas Fritas Guays), representaban tres momentos do ciclo da pataca, produción, almacenaxe e transformación, os mesmos e trala presentación dos seus respectivos proxectos, prestáronse a un distendido debate cos presentes que xirou en torno a problemáticas como a política de prezos, mal do que o noso produto, atinxido por prezos baixos, non consegue safarse, a dispoñibilidade de terras, escasa segundo Sotelo Castro, a convivencia coa contorna, Amador Díaz subliñou aquí que cómpre pór en valor a rega e vela como o que é, necesaria, ou problemáticas ben presentes como a da couza guatemalteca que xa chegou ao País e que ameaza con se estender á principal comarca produtora, a nosa, que apaña o 90% da pataca galega.

No entender dos intervinientes ao noso tubérculo rodéano moitos mitos, a suposta perda de calidade, a presenza excesiva de herbicidas ou a intensidade da rega foron abordadas polos ponentes cunha pretendida vocación pedagóxica; así, Gándara, almacenista de Vilar de Santos, afirmou que, tras uns anos en que as cousas se puideron facer mellor, a pataca limiá ten unha excelentísima calidade,  e pasa máis controis ca ningunha e que só lle falta a estética de patacas de menor calidade, como a francesa, e un bo plan de marketing que habería requirir da implicación da administración. Neste sentido, Amador Díaz salientaba que cumpriría tamén mudar a actitude de recelo cara á administración e traballar en prol dun entendemento.

Desde o sector detectan, no entanto, avances no plan asociativo, Amador Díaz, presidente da recentemente creada Asoc. de Produtores da Pataca da Limia, salientou este feito e apuntou que para novembro está prevista unha feira sobre o tubérculo na comarca, por máis que como afirmaba o propio Díaz, haxa perigos como o que representa a couza guatemalteca e a posibilidade de ter que establecer unha corentena de dous anos, que cómpre encarar como moi posibles. Así, sinalou Díaz, aí tamén entra en xogo a rega e o necesario ordenamento, para non abafar o río e que non nos abafe a nós o feito de dependermos dun só cultivo, «reordenar a rega significa diversificar cultivos».

Houbo tamén tempo para cuestións máis polémicas como a dos herbicidas, as queimas das plantas debidas segundo José Manuel Nieto, tamén produtor e presente no público, aos ciclos produtivos impostos polo cultivo e as variedades esixidas. A este respecto e segundo Sotelo os produtos empregados para esas queimas son inocuos desde o punto de vista da súa exposición á saúde humana.

Un debate, á fin e ao cabo, que deu para moito, e do cal deixamos a presente ligazón para quen queira escoitar o audio completo

http://www.ivoox.com/podcast-conversas-na-taberna_sq_f1566934_1.html