Logo de tomar coñecemento de que a Presidencia da Deputación iría incoar o expediente de outorgamento da medalla de ouro da Deputación, a Dº Elixio Rivas Quintas, Premio Pedra Alta 2017, o Museo Etnográfico quere refrendar o seu apoio a tal merecemento, velaquí a resolución do Consello Asesor e Xunta Directiva en reunión do 29 de setembro de 2018:
Á vista da providencia da Presidencia da Deputación, de data 9 de abril de 2018, na que se dispón incoar o expediente para o outorgamento da medalla de ouro da provincia ao doutor don Eligio Rivas Quintas, o Consello Asesor do Museo da Limia, na súa xuntanza do 29/09/2018, á que asistiron vinte e tres dos seus trinta e cinco membros, acordou formular proposta, a fin de que esta entidade limiá se adhira ao citado expediente de honra. A tal fin, a Xunta Directiva do Museo da Limia, acorda por unanimidade:
A adhesión do Museo da Limia ao expediente de honra que tramita a Deputación de Ourense, para a concesión da medalla de Ouro da provincia a don Eligio Rivas Quintas, primeiro destinatario do premio Pedra Alta 2017, creado polo Padroado do Museo en setembro de 2017.
Cada un dos asistentes á citada xuntanza fan súa tamén, de xeito individual, a citada proposta de adhesión.
[O irmán paúl, don Elixio Rivas Quintas, vén compaxinando ao longo da súa dilatada existencia a actividade docente, na ensinanza secundaria e na superior, cun inxente traballo de investigación e difusión en saberes como a Lexicoloxía, a Onomástica, a Toponimia, a Filoloxía e a Etnografía. Autor, entre outras moitas, dunha obra lexicográfica monumental, reunida en 24 volumes, Léxico rural do noroeste hispánico e dun libro fundamental para o estudo do territorio limiao, A Limia: Val da Antela e Val do Medo (1985).
O irmán Elixio é un dos máis grandes sabios da nosa terra, que ten contribuído con extraordinaria xenerosidade a estudar, difundir e acrencentar a cultura galega.
É ben merecente do recoñecemento de gratitude de toda a sociedade galega.]