Carlos Casares Mouriño

Lugar: Ourense
Data Nacemento: 24/08/1941
09/03/2002
Actividade Profesional: Aos 4 anos, a familia de Carlos instálase en Xinzo de Limia, onde o pai exerce como mestre. Pasa tempadas en Lamas e Sabucedo, nas casas dos seus parentes, sobre todo nos períodos vacacionais. Familiarízase co mundo da aldea e coa anatureza.
Ingresa no Seminario Menor de Ourense en 1952. Ao abandonar o internado, gaña un concurso de relatos, o que lle permite coñecer a Vicente Risco e participar nas tertulias de escritores e artistas.
En 1961 marcha para Compostela estudar Filosofía e Letras. Milita de inmediato no galleguismo, que tutela Ramón Piñeiro e revélase como escritor co libro de relatos Vento Ferido (1967). Comeza a colaborar no xornal La Región de Ourense. Entra como docente nun colexio de Viana do Bolo, do que é expulsado por “subversivo” e inhabilitado para exercer en territorio galego. Casares marcha entón para Bilbao.
En 1971, nun tren que vai para Compostela, Carlos coñece e namora unha moza sueca, Kristina Berg, coa que casa ao pouco. Suecia vaise converter no seu modelo de país. Consolídase como escritor coa publicación de varios libros. Segue a colaborar coa prensa (La Región, La Voz de Galicia). Establece unha forte vinculación coa editora Galaxia e co seu compromiso cultural. Daquela, mora e traballa como docente en Cangas do Morrazo. En 1976 recibe o Premio da Crítica Española e dous anos máis tarde ingresa na RAG.
Coa Autonomía, Casares é elixido deputado ao Parlamento de Galicia, para se implicar activamente en asuntos como a Lei de Normalización Lingüística (1982). En 1985 é nomeado director de Galaxia, na que acomete unha importante modernización.
Desde 1992 publica a diario en La Voz de Galicia a columna “Á marxe”, con grande éxito de lectores. Nestes anos escribe algún dos seus mellores libros (Deus sentado nun sillón azul e o póstumo O sol do verán), así como varias biografías de autores galegos, polo que vai ser merecente de varios premios. Xeneroso e tranquilo, Carlos gusta da tertulia e da pausa.
Presidente do PEN Clube de Galicia e do Consello da Cultura Galega, aínda ten tempo para escribir e participar en innúmeras actividades cultuarais e actos institucionais. Con case 60 anos, viaxa con 80 escritores de toda Europa no tren Expreso da Literatura Europea, desde Lisboa a San Petersburgo, durante un mes e medio.

Obra Publicada

Vento ferido, 1967
A galiña azul, 1968
Cambio en tres, 1969
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, 1973
Xoguetes para un tempo prohibido, 1975
Os escuros soños de Clío, 1979
Ilustrísima, 1980
O can Rin e o lobo Crispín, 1983
Os mortos daquel verán, 1987
Este é Toribio, 1991
Toribio contra o profesor Smith, 1991
Toribio e o contador de contos, 1991
Toribio ten unha idea, 1992
Toribio revoluciona o tráfico, 1994
O galo de Antioquía,1994
Deus sentado nun sillón azul, 1997
Un país de palabras, 1998
Hemingway en Galicia, 1999
Un polvo xigante, 2000
A vida do padre Sarmiento, 2001
Lolo anda en bicicleta, 1996
O sol do verán, 2002
Coas raíces na terra: 18 figuras galegas, 1980
Currros Enríquez, 1980
Vicente Risco, 1981
Otero Pedrayo, 1981
Conversas con Ánxel Fole, 1981
Ourense de auga e pedra, 1990
Biografía de D. Juan de la Coba, 2000
Gonzalo Torrente Ballester. O escritor, o amigo, 2002
O expreso da literatura e outros ensaios, 2017
O suicidio de Jonas Björklung e outras historias, 2017

Recursos Autor