Desde hai tres anos, Vilar de Santos, novembro e último sábado de mes combínanse nun cerimonial que vai camiño de virar encontro de ineludible confraternización, cita onde as limiás e os limiaos nos revermos para celebrarmos o feito de continuarmos a ser baixo a solemne presidencia do menhir da Pedra Alta, marco inconfundible desta Galiza que aquí, nestas paraxes, se torna planicie e agranda os horizontes.
Foi ao redor da Pedra Alta que nos xuntamos hai dous anos para celebrarmos, co protagonista, a vida e obra de Don Elixio Rivas Quintas que da Xunqueira limiá enxergou, cedo, A Limia enteira, foi tamén baixo o pétreo fito que nos reunimos para prestar homenaxe ao profesor de Historia Antiga e orgulloso veciño de Lucenza, Antonio Rodríguez Colmenero, imprescindible recorrermos a ambos se queremos poder interpretar os pasos da nosa historia.
Este ano, en cambio, tocaba mudar de perspectiva e colocar a ollada no labor colectivo, o labor dunha entidade, o CDR O Viso, que desde hai trinta anos (en 2020 asinala a efeméride) como tal e desde 1985 como a Asociación O Cruceiro; é referencia do activismo social na comarca, un activismo presidido por vontades como a de facer o “necesario, posible”, por palabras do portavoz no día de celebración, Antonio Rodríguez Corbal, o “Toño de Lodoselo”, bonito nome “Otoño” que recollera en anécdota deliciosa o encargado da laudatio, Xosé Manuel Cid, mais, e sobre todo, bonito empeño o que encetou o Toño, e máis a Carme, acompañados por unha manchea de nomes propios, como os do Alberto, a Lucía e tantos outros, para librar batallas contra o despoboamento, por manter os pobos con vida, por unir xeracións en torno de experiencias de mutua e vivo convivio, en base a unha “solidariedade organizada” que comezou, como dixemos, hai xa anos, grazas ao impulso de cregos que teimaron en renacer galegos, o Digno de Arzádegos, o sábado presente, o noso Miguel Fernández Grande ou Antonio Gandoy Pérez, o cura “da bicicleta” creador do Preescolar na Casa e a quen, confesa, tanto debe o Toño e o propio CDR, conceptualmente.
Adobiada coas intervencións de Xan Jardón, alcalde de Vilar de Santos e presidente de honra do Museo, Delfín Caseiro, presidente do Padroado e Sabela Rodríguez, secretaria do Padroado do Museo, a xornada tivo tamén pezas musicais polo acordeón e voz de Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón, unha laudatio, preñada de abondosas gargalladas, por parte de Xosé Manuel Cid e momentos moi emotivos coa recolla colectiva do premio e o conto en formato saba “A parte que falta” de Shel Siverstein, todo antes do almorzo de confraternización á volta dun cocido.
Abofé con tan merecentes premiados, valía a pena, confesaba Delfín Caseiro, recelebralos todos os anos á par do novo ou nova merecente.
Ata o ano que vén, logo.