Unha vez máis puxemos o noso ultramariños a parolar, a educación na comarca a través de iniciativas singulares foi o lema da xornada
A cita que dá entrada a esta nova é da autoría de Antonio Rodríguez Corbal e forma parte das reflexións que nos deixou o Toño de Lodoselo, como o coñecemos moitos na comarca, no marco da nova edición das Conversas na Taberna celebradas o sábado 30 de marzo en torno a iniciativas e experiencias educativas que transcorren na nosa xeografía. Canda o Toño estiveron connosco Xavier Pérez Gallego quen desde o seu Monterrei natal chegou hai xa algúns anos ao CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía, centro do que é director e que desde a súa chegada á dirección viu medrar a súa matrícula dos corenta e catro nenos e nenas con que contaba ata os setenta e cinco actuais. Para o Xavier a clave de todo isto é pór o foco no sentido de comunidade, é preciso, afirma Xavier, que toda a xente, que dunha ou doutra forma teña relación co centro, se implique.
Desde o CDR O Viso chegaba a nosa terceira participante na Conversa, Lucía Novoa, membro, amais, do Padroado do Museo da Limia, compartiu con todas e todos nós a súa experiencia docente, remarcou que cómpre combater certos prexuízos a respecto da educación infantil, «non se traae só de debuxarmos», e amosouse ilusionada co proxecto Casa-Niño que lle foi concedido ao CDR polo que cativos e vellos poderán participar dunha experiencia educativa e social centrada na interacción e na aprendizaxe en conxunto. A Lucía, que traballa cóbado con cóbado co Toño de Lodoselo e, dalgunha forma, tomou o relevo en Lodoselo da iniciativa Preescolar na Casa que tiña levado o Toño (1985-2012) con anterioridade, confesou que o escenario é complexo e non convida precisamente ao optimismo «atopámonos con aldeas nas que xa non é que non haxa nenos, é que non hai xente». Circunstancias que cando menos nun comezo non vivía desta forma o Toño, mestre actualmente no Rosalía de Castro de Xinzo e que afeito como estaba ao «asilvestramento» da experiencia «Preescolar na Casa» tiña os seus medos cando se incorporou á praza como docente no centro. Está encantado.
O Xavier admite que ten certa débeda formativa contraída coa súa experiencia formativa en Finlandia, no país nórdico apañou boa parte das ferramentas que hoxe pon en práctica en Xunqueira, prácticas que pode levar adiante grazas ao lassez faire dunha Administración que, ao mesmo tempo, e a xuízo do Xavier. ten nese mesmo deixar facer a súa principal pexa, unha certa sensación de ausencia é a que nota o educador verinense ao comprobar, por exemplo, que leva teimando en incorporar un axudante de cociña ao centro un bo tempo sen ser oído.
Nun animado debate co público houbo tempo de facer un percorrido xeracional, varios dos asistentes eran tamén docentes e confesábanse alarmados coa mudez interxeracional, co descoñecemento que do ambiente en que se insiren os centros hai tanto entre profesorado coma entre os propios alumnos. Vivimos uns tempos de incomunicación parecían admitir un pouco todos. Aínda estamos a tempo de mudar o conto e podemos facelo grazas a xente como a Lucía, o Toño ou o Xavier.