988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

Co gallo da entrega do galardón Pedra Alta, a mañá do 26 de novembro reuníronse arredor dun cento de persoas para ser partícipes de tal cerimonia. A xornada comezou cunha visita guiada ao Museo Etnográfico da Limia, onde se resaltou o devir histórico e cultural da comarca acompañadas da inauguración da exposición fotográfica conmemorativa do 25 aniversario da publicación de «Antela. A memoria asolagada».

A partires das doce, os actos leváronse a cabo no salón multiusos do concello de Vilar de Santos, que estivo cheo para presenciar con agarimo e atención as diversas intervencións que decorreron na gala. En primeiro lugar, abriría as intervencións o alcalde do concello vilarsantés, quen subliñou a importancia de galardóns como o Pedra Alta, símbolos de toda a limia que confluen no Museo Etnográfico. A posteriori, Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia expresou a relevancia de ter un museo vivo, que vaia máis alá dos obxectos materiais e que sexa outro dos promotores da sensibilización co noso medioambiente. Ademais, houbo referencias ao pesar polo pasamento ilustre limiao Elixio Rivas Quintas, que neste caso adquire un matiz especial xa que foi a primeira persoa que tivo o recoñecemento Pedra Alta e sempre tivo un gran compromiso co estudo da fauna, flora e etnografía do territorio. Non obstante, tamén houbo espazo para as parabenizacións, no caso de Edelmiro Martínez Cerredelo, componente do noso consello asesor e nomeado recentemente fillo predilecto do Concello de Xinzo. Para acabar coas presentación e recibimento a todas as persoas que alí se atopaban, Baldemoro Pavón e Humberto Cao, tenor e pianista, interpretaron unha peza da escritora Rosalía de Castro facendo unha alusión ao 25N, data que nos interpela contra a violencia de xénero. Este acompañamento musical estivo presente ao longo de toda a cerimonia, tamén cunha estudante do C.E.I.P. Carlos Cid Arregui que leu cunha voz determinada e firme o poema A Limia do intelectual limiao Antón Tóvar.

A continuación, a secretaria do Padroado do Museo da Limia, Sabela Rodríguez anunciaría o gañador do premio, A Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural, cun comunicado no que destacaba os seus once anos de incansable traballo pola recuperación da fauna e a flora limiá e o desenvolvemento de modelos que fagan compatible unha Limia viva. Deste xeito, procederíase a laudatio enunciada por Pablo Ramil Rego, director do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) da Universidade de Santiago de Compostela, que comezaría sinalando a irmandade que sinte coa terra da Limiá, xa que na súa terra natal, A Terra Chá tamén habería un proceso de desaugue dunha lagoa, a lagoa de Cospeito. As súas verbas foron na mesma liña que as da secretaria, tanto de parabenización como de recoñecemento do sentido crítico que aportan este tipo de organizacións. Nun percorrido histórico pola posta en valor e o coidado do noso medio estivo recalcado a labor desa organización primixenia que foi o grupo ornitolóxico galego e tamén, como non, o Seminario de Estudos Galegos coa referencia a figura de Isaac Díaz Pardo. A súa intervención rematou, como non podía ser doutro modo, resaltando a labor da Sección Antela cos seus eidos de actuación principal: a conservación de especies tanto de flora como de fauna ameazadas, a realización do humedal Antonio Vilariño e a publicación dunha obra que brilla pola súa importancia como é o Atlas da Limia.

E neste mar de parabenizacións e alegría chegamos á entrega física do premio creado polo gran escultor Xosé Lois Carreira a Serafín González Prieto, o Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. A derradeira intervención foi Serafín quen fixo un repaso do nacemento e traxectoria da Sección Antela, destacando: a creación e recuperación de humedais como o humedal Antonio Villarino e o da Veiga de Gomareite. Alen diso, tamén dedicou especial énfase na idea de que cando se fan estas actuacións «Están a pensar en todos os compoñentes do Ecosistema». Deste xeito, para concluír deu o agradecemento a Antonio Villarino, por ser unha das figuras fundamentais coas que xurdiu un xermolo de defensa medioambiental na Limia, e as 70 voluntarias que actuaron nos diferentes proxectos levados a cabo. As derradeiras verbas foron simples pero recolleron a conciencia medioambiental da xornada: outro xeito de progreso é posible.

Vilar de Santos, 26 de novembro de 2022

Sara Ruíz García

Responsábel de comunicación do Padroado do Museo da Limia

 

Asistentes á Entrega do V Premio Pedra Alta

Comida de confraternización trala entrega do premio