988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com
Esta fin de semana, o noso museo quedou pequeno para o gran número de visitantes entusiastas que se achegaron a celebrar a conmemoración do centenario de Antón Tovar.
Interviron no acto o cantautor valdeorrés, Anxo Rei, autor dun cd monográfico con poemas do poeta da Pereira, Antón Jardón, coordinador do Padroado que leu gabanzas dos intervintes ao homenaxeado, Delfín Caseiro, presidente do Padroado, quen fixo unha semblanza da vida e obra do creador limiao amais de ler un soneto de Edelmiro Vázquez, adicado ao protagonista do pasado sábado, Xosé Lois García, escritor e articulista, amigo e estudioso do poeta, quen rememorou os seus encontros co poeta.
Finalmente pechou o acto o profesor, escritor, académico e expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, amigo, camarada e editor de Tovar, cunha brillante intervención na que salentou a universalidade, calidade e actualidade da poesía dun dos poetas intimistas máis importantes de Galiza e mesmo do Estado español da súa época.
A exposición permanecerá aberta ata o día do centenario do poeta, nado na localidade limiá da Pereira (Rairiz de Veiga).