Para o Museo Etnográfico da Limia, as Letras Galegas deste ano son especiais, non sempre toca celebrar un etnógrafo, historiador e antropólogo, e non sempre toca que amais a figura obxecto de lembranza teña a valía intelectual do profesor Fraguas. O tamén etnógrafo, historiador e membro do Padroado do Museo Etnográfico da Limia, Xosé Carlos Sierra Rodríguez, homenaxea Antón Fraguas (1905-1999), Letras Galegas 2019
ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS.
A relación do etnógrafo coa Limia
Entre Antonio Fraguas Fraguas (1905) e Xaquín Lorenzo Fernández (1907) existiu unha amizade estreita, uns intereses e actividades comúns e unhas crenzas compartidas. Xaquín Lorenzo, ourensán oriundo das terras limiás de Lobeira, e Fraguas nacido nas terras de Cotobade, pero con raíces por vía materna en Maside (Ourense) cruzaron os seus camiños no Seminario de Estudos Galegos (SEG) de Compostela onde recibiron as ensinanzas dos grandes mestres da xeración Nós. Fraguas, xeógrafo e folklorista, deixa ver na súa obra a pegada fonda de Ramón Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo estaba fortemente influído por López Cuevillas. Ambos os dous tiñan en Vicente Risco o seu referente como antropólogo e reflectían o seu ideario.
Xaquín Lorenzo é o grande etnógrafo da Limia e Antón Fraguas o estudoso do folklore das terras de Cotobade e tanto un como o outro dedicáronlle relevantes estudios á tradición oral das comarcas respectivas: O Cantigueiro da Limia Baixa (1973) e os traballos Aportacións ao cancioneiro de Cotobade (1985), “O cancioneiro popular nas Rías Baixas” (1995) e o Cantigueiro de Cotobade (1998) son publicacións presididas por un enfoque común e unha evidente analoxía. Fraguas préstalle en varias ocasións atenciòn especial á obra do Xocas dicindo do Cantigueiro da Limia que “amosa a vida por enteiro con tódalas preocupacións dende o nacemento até a morte …” e destaca a autoridade etnográfica deste libro comentando que “As cantigas [da Limia] están escritas tal e como as dixeron […] recollidas nas moitas horas que pasou [Xaquín Lorenzo] recollendo as que aínda se cantaban nos fiadeiros e demáis festas populares”
Fraguas volve sobre a Limia en varias ocasións, destacando a monografía Geografía de Galicia (1953) e Romarías e Santuarios (1988). Na primeira traza descricións sumarias no capítulo “comarcas de Galicia” e na segunda dedícalle un apartado propio ás celebracións relixiosas de Santa María do Viso e Nosa Señora da Mercede da Saínza.
Imaxe de capa da noticia: Antón Fraguas por Vulianov