988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

Historia do Museo

O Museo Etnográfico da Limia inaugúrase no ano 1992 na Escola Unitaria de Vilar de Santos, cunha colección de pezas etnográficas recollidas na comarca por un grupo de profesores e alumnos do Instituto de Xinzo de Limia.

Tempo despois, o Concello de Vilar de Santos consegue a cesión da Reitoral da parroquia para a súa rehabilitación, decidíndose dedicar este espazo á preservación da Memoria dos Limiaos

A restauración da Reitoral, edificio que data do século XVIII e que, no seu momento, pertenceu á Orde de Santiago como hospital de peregrinos, respectou e aproveitou todos os elementos construtivos, a madeira, a pedra, a lareira, o patio, cos que contaba a casa nos seus orixes.

No ano 1996, concluída a rehabilitación e a nova exposición en salas temáticas que ensinan aspectos da vida tradicional da Limia, o Museo reabre as portas, converténdose nun lugar de encontro para a comunidade. Para iso, sempre se conta coa participación dos veciños en todas as actividades que se organizan, as pezas foron doadas integramente por xente da comarca, vellos artesáns e labregos actúan como guías na exposición e as mulleres foron o motor que recuperou a tradición do tecido en liño, sendo as protagonistas dos diferentes obradoiros e iniciativas empresariais que se puxeron en marcha nos últimos anos.

A Arracada
de
Vilar de Santos

Presente e pasado na Limia quedan conectados a través da Arracada de Vilar de Santos, un dos pendentes castrexos máis importantes de Galicia,  atopado casualmente por Benito Saburido cando traballaba nunha leira no lugar de Albariño. En tempos da conquista romana, o dono desta xoia, posible habitante do castro de Saa, xerme do actual Vilar de Santos, agochouno, coa intención de recuperalo en canto pasara o perigo. E así, permaneceu esquecida ata os nosos días.