988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025

A Real Academia Galega celebra este ano o extraordinario cancioneiro popular tradicional e as súas máis entusiastas e leais transmisoras, as cantareiras. Depositarias e propagadoras de moitos cantares, algún dos cales veñen desde a Idade Media, elas fanse modelo de fidelidade á tradición oral. Prodixio de memoria e de interpretación, son as grandes animadoras da fascinante cultura popular. Son artistas da voz, o instrumento máis perfecto. Interpretan cantares participativos que reforzan os lazos comunitarios ou cantares solitarios que alivian a dureza dos traballos e facilitan o esforzo. En moitas das creacións brilla a improvisación. A música é elemento fundamental na sociedade campesiña, ingrediente imprescindíbel para unha vida harmoniosa, laboriosa e leda, tolerante e solidaria. O etnólogo Xoaquín Lorenzo sostiña: “É ben sabido que todos os intres do vivir de nós teñen as súas cantigas.”

Fórmula emblemática do idioma, a copla, a cantiga, conservounos as verbas máis belidas e os xiros máis expresivos: ditos de profundo lirismo; sátiras mordaces e ferintes; fórmulas irónicas cargadas de retranca. As que nacen da saudade son equilibrada combinación de delicadeza e melancolía.  O excelso poeta Ramón Cabanillas defínea como “recendo místico de Galicia, arcaz que garda nosos degaros, relembros e querencias.”

O Padroado do Museo Etnolóxico da Limia rende homenaxe de consideración e gratitude a todas as cantareiras do territorio, nas persoas de Concha Dacal Álvarez (A Gándara- A Porqueira), Mª Cristina Gómez Gómez (Rebordechao-Vilar de Barrio), Hermelinda Seguín Matías (Sas- Sarreaus), Avelina Limia e Celia Quintas (Toxediño- Vilar de Santos), Mª Gracinda Gomes Ferreiro (Outeiro- Vilar de Santos), Dorinda García Ferreiro (Laioso- Vilar de Santos), Isabel e Concha Jardón Pérez (Castelaos- Vilar de Santos), Carmen e Dolores Bouzas Quintas (Vilar de Santos), Isabel Santana Bouzas (Vilar de Santos) e Celsa Seguín Valencia (Rioseco- Calvos de Randín). [ Datos tirados do Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional, 2005]

O Museo da Limia recibiu hai uns meses fermoso agasallo musical: unha compilación de cantares da zona, recollidos polo estudoso Francisco Rodríguez, orixinario do Toxal (A Porqueira) e dixitalizados  por Baldomero Iglesias (Mero), un dos fundadores das agrupacións musicais Fuxan os Ventos e A Quenlla. Na web da institución pode escoitarse unha selección representativa desta magnífica recolla, que testemuña a relevancia da tradición musical limiá.

PADROADO DO MUSEO ETNOLÓXICO DA LIMIA

05-03 A Costiña de Canedo

Informante: Corona Feijoó Barrio

I o subila i a baixala

a costiña de Canedo

o subila i a baixala

perdín a cinta do pelo.

 

04b-15 O Cego

Informante: Gumersindo Dacal Álvarez

Son o cego de Trasmiras

a miña palabra é douta

ando con duas pendangas

saco dunha e meto noutra.

Oui, oua hai meu ben

i o carro americano

vai o porto sin ninguen.

Son o cego de Buxán

e que o como onde mo dan

ando con duas pendangas

escuso morral pro pan.

Oui, oua hai meu ben

i o carro americano

vai o porto sin ninguen.

02-33 A da Seitura

Informante: Corona Feijoó Barrio

Heiche de ir a túa seitura

heiche de ir a túa segada

heiche de ir a túa seitura

ca miña vai acabada.

Daille rente daille rente

meniñas de San Cibrau

daille rente daille rente

daille por baixo da mau.

Alá ven os da seitura

alá ven os seitureiros

alá ven os da seitura

fartos de camandoleiros.

Castellanos de Castilla

que le hacéis a los gallegos

cando van van como rosas

cando vienen coma negros.

01-05 Cornela de Cabra

Informante: Josefa Rodríguez Dacal

Mentras lle cantamos

destes villancicos

vaiannos votando

lacós e chourizos.

Mentras lle cantamos

destes villanzuelos

vaiannos votando

froito de lombelos.

Mentras lle cantamos

destas embeixadas

vaiannos votando

lacós e queixadas.

Cantamosche os Reis

cornela de cabra

cantamosche os Reis

non nos deches nada.

Estes Reis que cantamos

volvamolos descantar

que istes barbas de farelos

non tuveron que nos dar.

04a-01 O Día da Noiteboa

Informante: José Rodríguez Dacal

O día da Noite Boa

naceu o Neno Xesús

en un pesebre da pallas

era de noite e sin luz.

Ai, que Neno tan Bonito

que Neno tan Gallardeiro

ai, que Neno tan bonito

para nacer no palleiro.

Mirade pra súa Mai

como chora de alegría

hoxe a noite temos gozo

mañá festa todo día.

Vinde, vinde rapaciños

vinde todos a mirar

o Nacemento do Neno

que o ten nos brazos súa Mai.

Alá na Asia Menor

víronlle os sabios a seña

e puxéronse a pensar

que cousa sería aquela.

Vinde, vinde rapaciños

vinde todos a mirar

o Nacemento do Neno

que o ten nos brazos súa Mai.

Ai, que Neno tan bonito

que lindas ganas me dan

de comerlle a cara a bicos

de gordo e fresco que esta.

Vinde, vinde rapaciños

vinde todos a mirar

o Nacemento do Neno

que o ten nos brazos súa Mai.

04b-01 Os Gaiteiriños de Lamas

Informante: Gumersindo Dacal Álvarez

Os gaiteiriños de Lamas

mala centella chos mate

non queren tocar a gaita

sin tomar o chocolate.

Ay, la la la la …..

Os gaiteiriños de Lamas

foron tocar a Silvoso

e no medio do camiño

comeulle a gaita o raposo.

Ay, la la la la …..

04b-08 Unha Noite no Muiño

Informante: Gumersindo Dacal Álvarez

Unha noite no muiño

unha noite non é nada

unha semaniña enteira

esa si que é muiñada.

Miña nai chamou por min

desde o alto da portela

pensa que me leva o aire

i o aire a min non me leva.

Piensa que estas en la cama

y dormir no duermes no

piensa que estás escuchando

canciones que canto yo.

Meniñas de alén do Doiro

vinde lavar o Piñón

que a auga do tanque novo

lava roupa sin xabón.

Mucho me gusta el pegarte

solo por verte llorar

parecen tus lagrimillas

caracolillos del mar.

Sácate de esa ventana

no seas tan ventanera

que la cuba del buen vino

no necesita bandera.

Eu entrar entrei no prado

seguei a flor do outono

hai de min que estou falando

con amores que ten dono.

Miña nai por me casar

ofreceume tres ovellas

unha coxa, outra cega

i outra mona e sin orellas.

Miña nai por me casar

ofreceume bois e vacas

desque me viu casadiña

deume unha cunca de papas.

A cunca estaba rachada

a culler estaba furada

puxenme detrás da porta

chameille vella retorta.

Miña nai por me casar

ofreceume canto tiña

e desque me viu casada

pagoume cunha galiña.

Toca o pandeiro faluas

que vai bailar o carallas

que me dixo o saltanelas

que andaba nas esfolladas.