988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

De excelente podemos cualificar o encontro que mantivemos o pasado sábado día 8 na sala «A Tenda» do Museo Etnográfico da Limia. A segunda edición das «Conversas na Taberna» centrouse nun tema que, certamente, animou o debate: as loitas ambientais no presente limiao

A presenza de Fernando Domínguez Dapía (Non máis lume no Concello de Cualedro), Odilo Lorenzo (Non á Planta Asfáltica), Mª Carmen Díaz (Plataforma Corno do monte), María Losada (Amig@s das árbores da Limia) e Xoán Carlos Rodríguez (SCDX Fontefría) serviu para dar boa conta da saúde ambiental da Limia.

A xornada comezou, nunha sala chea de público, coa intervención do profesor de Ciclo de Química, investigador externo da  Universidade de Santiago (Campus de Lugo), e presidente da SCDX Fontefría, Xoán Carlos Rodríguez, quen nos explicou o estado en que se atopa o encoro das Conchas (Baixa Limia) tras lle seren detectadas cianobacterias no ano 2011. Sen descartar outras fontes de polución, Rodríguez sinalou, tralas análises que el mesmo realizou, que a contaminación do leito ten moito que ver coa deficiente xestión do xurro río arriba, adubo que así mesmo, representa unha carga gandeira equivalente á metade da poboación do país, 1,4 millóns de persoas nun 1% da súa superficie (extensión da nosa comarca), tal como recolllía hai tres anos o xornal El País. Rodríguez lamentou a falla de vontade política para atopar unha solución que el entende factible a través da distribución eficaz de biodixestores e do redimensionamento das explotacións. Así mesmo, destacou que o proxecto de trasvase de augas entre o encoro das Conchas e o de Salas pode vir a contaminar tamén este último.

Trala intervención de Xoán Carlos Rodríguez, foi a quenda de Mª Carmen Díaz, membro da Plataforma Corno do Monte da rede ContraMinacción, quen ilustrou ás persoas presentes cun mapa de afectación do proxecto mineiro (mina de feldespato) que nun primeiro momento había atinxir a oito localidades do concello de Xinzo (entre elas Laroá, San Pedro ou Seoane de Oleiros), a activista advertiu que a zona que abrangue esas oito poboacións era apenas unha ínfima parte desa concesión mineira que a nivel comarcal podería afectar a gran parte do sur do concello de Xinzo, do concello de Trasmiras e mesmo Sarreaus. Díaz considera que a xente non é consciente do que se nos vén enriba e culpa á administración da opacidade informativa a respecto dun tema tan sensible do punto de vista social, económico e ambiental.

A continuación, Fernando Domínguez Dapía, membro da entidade «Non máis lumes no Concello de Cualedro», referiu as campañas de sensibilización ambiental que seguiron á vaga de lumes que teñen afectado ao seu concello, tralos últimos incendios que arrasaron entre outras a sensible área da Área da Serra do Larouco de innegable valor paisaxístico e mesmo arqueolóxico, os membros da asociación impulsaron repoboacións forestais con mato autóctono, intervencións artísticas como o coñecido como «banco más triste do mundo» e introduciron cabana gandeira (cabalo galego e vaca raza cachena) co obxectivo de manter limpo o monte. Dapía recoñeceu que os lumes teñen tristemente acompañado a historia do municipio e que se sabe quen son os culpables, mais que custa moito sensibilizar as persoas sobre o valor do que teñen á súa volta.

María Losada, en representación dos Amig@s das Árbores da Limia, fixo un percorrido pola mobilización que dun ano a esta parte realizaron centos de limiaos en contra do proxecto de reurbanización da Avda de Celanova, porta de entrada á vila de Xinzo, terreo de paso da Vía da Prata (Camiño de Santiago) e contornada por pradairos de sombra centenarios (56, en total) que, de acordo co citado proxecto, estaban sentenciados a morte. A asociación entendeu, dende un comezo, que a reurbanización podía ser compatible co mantemento das árbores e así llo fixeron saber ás diferentes administracións. Finalmente o obxectivo marcado de evitar a tala foi conseguido, se ben que como referiu María Losada non teñan, até a data, recibido notificación oficial do goberno autonómico.

Por último, Odilo Lorenzo, membro da asoc. Muiño da Lama, e promotor da plataforma Non Á Planta Asfáltica, denunciou as connivencias e a opacidade con que a administración ten actuado con respecto á concesión dunha planta de misturas betuminosas que se haberá localizar (en caso de que non se consiga evitar) a escasos 300 metros da aldea de Parada de Ribeira e que poderá afectar non só á mesma senón, advertiu Lorenzo, a toda a comarca en virtude da nube tóxica que a mesma pode desencadear. Sinalou tamén o ponente que a estrada camiño de Parada poderá pasar a ter que soportar a presenza de máis de 400 camións de gran tonelaxe por día, cos prexuízos que a nivel de ruido e demais molestias poidan causar.

Trala intervención dos cinco relatores, seguiuse un animado debate co público asistente, adobiado con cafés, tés e bolachas, cortesía da Arca da Noe. Do mesmo, ben como das intervencións dos relatores, deixamos, de seguido, un audio (precisar que comeza ao cabo do primeiro minuto de intervención de Xoán Carlos Rodríguez)

https://drive.google.com/open?id=0B8iYgfq6ByFwZGxiTjJIWkxtaXM

Máis imaxes do acto: