No pasado 5 de agosto continuamos a asinalar o noso 20º aniversario, desta vez enmarcado nos festexos na honra da Virxe das Neves. Un documental, «Cesteando», e unha actuación, Mini e Mero, tiveron por acubillo o Museo.
Foi no Carril (así chamamos a esa parte do pobo de Vilar de Santos) onde Fuxan Os Ventos pasaron por acá por primeira vez, hai trinta e nove anos (1977), do histórico grupo formaban parte Baldomero Iglesias Dobarrio (Vilalba, 1951) e Xosé Luis Rivas Cruz (Begonte, 1951), Mero e Mini, en orde referida, Mini e Mero para todas nós, mestres, compositores, cantantes, escolmadores da nosa música tradicional e integrantes desde 1984 do grupo A Quenlla. En 2016 foi o Museo da Límia quen os recibiu de novo, no día das Neves, venres, 5 de agosto ás 21 horas.
Documental «Cesteando»
Xa antes, ás 18h30 recibimos o traballo do realizador Plácido Romero, produción da Arraianos Producións, sobre a figura de Toño González «Toño O Cesteiro», cesteiro con orixes en Medeiros, asentado en Lobeira e de cuxo traballo trata a peza documental «Cesteando», un necesario regreso aos oficios tradicionais, aínda vivos na persoa do Toño.
O noso agradecemento para quen tivo a ben achegarse polo Museo a gozar de ambos os eventos.