O Museo Etnográfico da Limia xúntase ao Centro de Cultura Popular da Limia e á Fundación Carlos Casares para homenaxear o autor limiao coa convocatoria do II Certame Literario «Carlos Casares».
Este ano 2017 é certamente un ano de celebración para todas e todos os limiaos, pois a Real Academia Galega tivo a ben dedicar o día das Letras Galegas ao autor, entre outras, de obras como Vento Ferido, Xoguetes pra un Tempo Prohibido ou Deus sentado nun sillón Azul.
O certame reactiva unha iniciativa que se tiña celebrado por primeira vez en 2012 con motivo do décimo cabodano da súa morte e que envolveu os 12 centros educativos da comarca con ao redor de 200 traballos presentados. O prazo de entrega dos traballos remata o 26 de marzo.
Casares que tiña nacido na capitalidade provincial, logo enceta unha relación coa nosa comarca, que o tornará un limiao máis; o traballo do pai, Francisco, leva a familia a vivir a Xinzo de Limia cando o noso autor contaba tan só con catro anos. Á paisaxe e paisanaxe limiá dedicará non poucas liñas o homenaxeado.
Instalado na década de 1960 en Compostela, incursiona na poesía, para no 10 de febreiro de 1967, cúmprense polo tanto cincuenta anos, tirar do prelo Vento Ferido, obra de destacada importancia para o movemento máis ou menos cohesionado que deron en alcumar Nova Narrativa Galega, prosa sinxela que xungue o universal con historias próximas, que verte, á fin, realismo. Logo virá todo o demais, o Casares de Galaxia, o Casares académico (ingresa na RAG en 1977), o Casares deputado polo PSOE nas autonómicas do 81, ou o Casares presidente do Consello da Cultura Galega (1996) e, entre tanto, facedor de obras como as xa citadas Xoguetes pra un tempo prohibido, en 1976 e Deus sentado nun sillón Azul (1996), ambas, Premio da Crítica da narrativa Galega nos seus anos de edición, son elas só unhas pinceladas da prolífica obra do autor.
Casares, morreu novo, moi novo, sesenta e un anos, ao lado da sua dona, Kristina, o seu gato Simón e os seus trens, os seus queridos trens.
Celebremos Casares