A produtora compostelá Illa Bufarda preestrea hoxe ás 19:30, no marco da MICE do Museo do Pobo Galego, o documental Negro Púrpura. A fita proponnos unha viaxe temporal (e sensorial) por unha Galiza que xa non está, mais que permanece moi viva no relato dos protagonistas deste filme.
Protagonistas coma Jesús, veciño de Piñeira de Arcos, cuxos campos (de centeo) son tamén retratados nun traballo que percorre a relación que as galegas e os galegos tivemos non só co centeo senón cun fungo que medraba, dadas ás excepcionais condicións da nosa terra, con especial viveza nos nosos campos. O cornecelo, dentón, cornello, cornecho, caruncho e mil nomes máis que tiña este particular acompañante das gramíneas, sacou, dinnos da produtora, da fame a moita xente na Galiza de mediados dos anos 50.
Cobizado como estaba en medio mundo e como resultado da crise de produción rusa, Galiza foi unha das novas xeografías para as que miraron laboratorios de medio mundo interesados nas propiedades (os alcaloides) deste fungo que, con todo, xa viña facendo parte da sabedoría popular, das súas propiedades parecían saber as veciñas e veciños, tanto como abortivo como facilitador dos partos. A historia do caruncho é unha historia rescatada, rehabilitada do esquecemento, grazas á incrible historia que unha amiga das realizadoras trouxo un día a casa, a avoa, seica, traficara con LSD. Non fora exactamente así, pero si é verdade que o caruncho que ben seguro apañara a avoa desta amiga acabou por interesar, e moito, como dixemos, a uns laboratorios que viran nel múltiples propiedades farmacolóxicas.
Nunha aldea da provincia, Dacón (Maside), saben ben diso, «de Dacón aos Estados Unidos» podía viaxar o cornecelo, garanten as voces aínda testemuñas da antiga vocación comercial desta localidade.
Son moitos os elementos, as historias entrelazadas, que se acubillan por baixo deste traballo e que ten A Limia como un dos seus escenarios principais pois o celeiro de Galiza, produtora aínda hoxe dunha considerable cantidade de centeo, non podía fallar á cita. Así, o Museo Etnográfico da Limia é un dos apoiantes do documental.