988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

A tenda do Museo foi o espazo escollido para inaugurar unha nova xeira de actividades.

«Á Conversa na Taberna» chega coa idea de se manter no tempo. 

Animada e acolledora podemos dicir que foi a primeira «Conversa na Taberna», a cal abordou o día a día de dous proxectos (Alicornio, finalmente dispensou a súa ausencia por un pequeno contratempo da titular, Ana Belén Mellado), Carabuñas e Faragullas, que apostan pola revalorización de dous produtos abondosos na nosa terra, os cereais e o sabugueiro.

Ambas, Eva González (Carabuñas) e Carmen Quintas (Faragullas), reflexionaron sobre as orixes dos seus proxectos, termo que prefiren ao «contaminado» de empresa, porque, garanten elas, «o que nós facemos vai máis alá dun termo como «empresa», «non nos move apenas o beneficio económico», subliñan.

Se á Carmen foi a procura de aforro o que a moveu nun comezo, a Eva, emigrada na Limia e con orixes en Salvaterra, chegou ao sabugueiro, a través do millo, produto con aproveitamento ben enraizado na súa terra natal. Ela maila súa parella, Nelson, acabaron por apostar nunha planta que a Eva, advertiunos, «estaba a ser desvalorizada». Hoxe fabrican marmeladas, cervexas (en colaboración coa Dama Alaricana) e licores. Apostan en abarcar máis produtos mais non lles tira o sono. Confésanos ela que ten o soño cumprido de ver as súas referencias, a avoa maila nai, orgullosas dela.

A Carmen confésase orgullosa tamén do que ten feito; comezou no forno comunal do Mosqueiro e agora traballa a recuperar intencionalmente o acedo dos vellos pans, porque, segundo nos dixo, «que esteamos habituados aos sabores dos pans industriais, non os fai máis saudables». Criticou tamén a Carmen o «monopolio do trigo» e animou a recuperarmos cultivos como o do centeo, tan habitual na nossa terra hai só uns anos.

A parola deu tamén para unha troca de impresións cos asistentes ao calor do café e o té servidos polo Centro Social de Vilar de Santos.

Ficamos todas e todos con vontade de máis «Conversa». Queden atentos.