O vindeiro 8 de xullo ás 17:30 da tarde na sala «A Tenda» do Museo Etnográfico da Limia» terá lugar o segundo encontro «Á Conversa na Taberna». Un formato que pretende dar prioridade ao diálogo en torno duns cafés, ofrecidos desta volta pola Arca da Noe.
No pasado mes de novembro, o Museo Etnográfico da Limia encetaba un novo formato inspirado nos Cafés da Memoria organizados pola nosa institución irmá, o Museo do Pobo Galego. A primeira «Conversa na Taberna» non tiña outra intención que a de nos xuntarmos ao redor dun tema de interese para a comarca e que parolásemos, procurando máis un diálogo ca unha palestra expositiva. Daquela contamos con Carmen Martínez Quintas (Faragullas) e Eva González (Carabuñas) con quen debatemos sobre o que significa emprender no rural. Os cafés e mailos tés púxoos o CS de Vilar de Santos.
Desta volta, voltámonos xuntar para parolar sobre un tema de acesa actualidade na nosa comarca, as loitas ambientais, e que se encadra no obxectivo que se ten marcado o Museo este ano de abordar o 60º aniversario do comezo das obras de desecación da Lagoa de Antela, cunha serie de actividades á volta da efeméride.
Para esta segunda edición da «Á Conversa na Taberna» contaremos con Odilo Lorenzo, portavoz da plataforma «Non á Planta Asfáltica» entidade que busca evitar a controvertida instalación dunha planta de misturas betuminosas na parroquia de Parada de Ribeira (Xinzo de Limia), estará tamén connosco María Carmen Díaz, voceira da plataforma Corno do Monte , asociación impulsada en 2013 para evitar a creación dunha mina de feldespato que afectaría á veciñanza de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas aldeas de Xinzo de Limia; de momento a xustiza está a darlles a razón aos membros da plataforma. Próxima a esas localidades atópase a área afectada pola vaga de lumes cuxo epicentro foi o Concello de Cualedro; polo colectivo Non máis Lume no Concello de Cualedro contaremos con Fernando Domínguez Dapía, voceiro da plataforma. Lola Peláez representará ao colectivo Amig@s das Árbores da Limia, entidade constituída por mor da intención do Consistorio de Xinzo de avanzar co redeseño da avenida de Celanova, estrada de entrada de Xinzo e que conta cun percorrido arborado, ese redeseño ía supor a tala das árbores. Pola Baixa Limia, contaremos con Xoán Carlos Rodríguez, presidente da SCDX Fontefría, quen abordara a problemática da contaminación por cianobacterias no encoro das Conchas.
En Vilar de Santos, a 03 de xullo de 2017