Plácido Romero lembra o Toño, o Cesteiro do Val finado o pasado 3 de decembro e exemplo maior da cestaría no País.
Foto: Martiño Pinal
“Elaborar un cesto ou “Cestear” é unha metáfora da construción e desenvolvemento dunha vida. En ambas tarefas podemos considerar que hai un ordenamento, unha trama e unha urdime onde conflúen determinados materiais, como a madeira fendida, ou diferentes condicións e realidades da existencia, segundo o caso.
A realización da base dun cesto, o cu, constitúe o inicio, o nacemento dunha vida e da súa historia. É un momento delicado. Vai ser a base sobre a que se poida entretecer os materiais, como os vimbios, que irán dando distintas formas ó cesto. Ou as vivencias e coñecementos que irán conformando e organizando a personalidade dos seres humanos no transcurso do tempo.
A natureza pon a disposición de quen cestea unha serie de elementos cos que, ben escollidos, pode crear cestos prácticos e fermosos. Tamén co paso dos anos preséntaselle á persoa unha serie, mais ou menos nutrida, de opcións das que seleccionara algunhas que irán dando forma a un carácter, a un pensamento, a unha determinada forma de entender o mundo e as relacións cos demais. As veces o cesteador equivócase na trama, ou nos materiais que utiliza. Entón ten a posibilidade de retroceder, de rectificar, sempre que sexa a tempo. Antes de que séa irremediable.
Que materiais estruturaron a vida de Toño? Un aproveitado aprendizaxe escolar durante a infancia que simultaneaba coa axudas nos traballos propios dun fogar labrego onde o sustento viuse dificultado pola prematura morte do seu pai. Uns estudos de formación para profesións pouco atractivas para el na Universidade Laboral da Coruña, na súa adolescencia. Daquela utilizaba as vacacións escolares para traballar duramente na pesca sufrindo abusos e explotación laboral. Sensibilización en contra da permisividade da esquilmaron e a contaminación das augas mariñas e da deshumanización da vida na cidade.
Apreciación dos erros. Rectificación, destecemento e volta ó punto de partida do traballo agrícola e da cultura tradicional que mamara. Desenvolvemento dun pensamento crítico e de condea dos desequilibrios naturais e sociais. Contacto e aprendizaxe con labregos e artesáns e decisión de colonizar un territorio, O Val, da serra do Leboreiro. Traballo duro, sacrificio, aprendizaxes e desenvolvemento das técnicas agrícolas gandeiras e artesáns como a cesteira. Participación en campañas arqueolóxicas, gusto polas lecturas acerca da prehistoria, historia e culturas tradicionais. Traballo práctico e investigación na arte da cesteira…
E non esquezamos que un cesto sirve para almacenar ou conter algo e que o tipo de materiais, as formas e as técnicas de tecido van condicionar os contidos para os que son aptos. E a cesta da vida de Toño contiña un sentimento de vinculación coa natureza e a cultura tradicional, nun contexto de cambio hostil. Un cargamento de tesón e traballo para vencer dificultades e contradicións. Coleccións de obxectos históricos e etnográficos. Unha produtivo horta para alimentarse el e os animais que coidaba, a pertenza ó grupo musical Os Rampeiros e unha extraordinaria colección de obxectos de cestería.
Pero o cesto quedou sen rematar. E o mesmo Toño, como sabio cesteiro, aseguraba que o mais importante dun cesto é un bo remate. É o que o fai bonito, resistente e útil. Faltou completalo e armalo con axudas e apoios administrativos. E así non foi posible cumprir o sono de Toño: cestear o final para dar cabida nel a unha escola museo e taller de cestería onde ademais de expoñer as pezas que posuía, podería transmitir os seus coñecementos e interpretacións a todos aqueles que aman a súa terra e queren apuntalar a súa identidade.
José Antonio González Fernández deixou de cestear o 3 de decembro de 2020
*Plácido Romero Bernardo é autor de «Cesteando» (2016) documental centrado na figura do Toño.