O Padroado do Museo convoca o seu Consello Asesor para este sábado 5 de outubro ás 11:30, como, con periodicidade anual e sempre nestas datas de retoma de actividade, vén facendo nestes últimos anos, na reunión que ha ter lugar no Museo Etnográfico da Limia, haberá tempo para repasar a axenda que ten marcada por diante a entidade non sen antes comezar por facer unha mención de recoñecemento ao membro do Consello, recentemente falecido, Carlos Cid Arregui, mestre e director que fora do centro que leva o seu nome, CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga.
En canto á axenda dos próximos meses inclúense diversas propostas de dinamización, como a realización dunha nova edición das Conversas na Taberna, a avaliación da proposta formativa de Xeitura, empresa encargada de xestionar o día a día do Museo, novas actividades vinculadas a actividades profesionais con sona na comarca ou a posta en valor da Vía Nova, elemento este de singular transcendencia por canto vertebrador histórico destas Terras do Limia polas cales transcorre con vocación transfronteiriza. Haberá aínda tempo para tratar a posibilidade de recibir novas exposicións no espazo museístico e de afondar na colaboración co centro de cultura popular do Limia de cara á próxima presentación do novo múmero da revista Lethes, que terá lugar, unha vez máis, no Concello de Vilar de Santos.