988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

Hai cousa dun mes o Toño de Lodoselo, un dos rostros por detrás do CDR O Viso, premio Pedra Alta 2019, ía conducindo o seu coche a camiño de Vilalba, tíñalle sido encomendada unha misión, achegar á Terra Chá, capital neses días da Romaxe de Crentes Galegos, un crente de Vilaseca, Trasmiras, a quen tamén algúns días lle refulxiran os ollos ao lle proporen achegarse á romaxe. Peitea un cabelo branco impoluto, veste casacas, mormente a cadros, e anda, cun ar entre a espreita e o despiste, na casa dos oitenta anos, concretamente e ben é o que digamos, oitenta e catro anos de traballo continuo en prol da lingua e cultura do País, lingua que como o seu benquerido Carvalho Calero, letras galegas 2020, el só consegue entender inserida no tronco común galego-portugués, falamos, si, de quen encabeza estas liñas, don Isaac Alonso Estraviz, e vai recibir a medalla de ouro da provincia. 

 

Home de vasta cultura, curiosidade intacta e referencia ineludible do campo da lexicografía, Estraviz é autor do máis importante dicionario da lingua galego-portuguesa, o dicionario do seu mesmo nome, con máis de 137.000 entradas. Nacido en 1935 na aldea de Vilaseca, concello de Trasmiras, será en torno á fala do seu concello, máis do veciño Cualedro, que Isaac elabore a súa tese de doutoramento en filoloxía galega en 1999, logo de ter tirado o curso de Filoloxía Románica en 1977. 

 

De formación relixiosa, do seu paso polo mosteiro de Oseira rescata ter confesado o “pecado” de falar galego, el, un labrego de Trasmiras non podía ser máis que fiel á lingua dos pais. A do Isaac tornouse unha vida de profusa produción nos máis variados ámbitos da cultura, o seu perfil profundamente humanístico, lévao a traballar en traducións como a do Pacem in Terris, documento clave para entendermos a Igrexa do Concilio Vaticano II, de obras como “O problema político de Galiza” de Risco, a escribir e recibir premios por contos como Un novo amencer, ou a converterse en figura clave da Associaçom Galega da Língua con publicacións como o “Prontuário ortográfico galego”, “Actas do I Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza”, “Comentários ao novo acordo ortográfico, Irmandades da Fala de Galiza e Portugal” ou o “Guia prático de verbos galegos conjugados”. Fitos todos eles que mesmo importantes empequenecen ao lado da magnánima elaboración que supón o sempre actualizado dicionario Estraviz do que é autor, compilador e todo canto poidamos destacar. 

 

Ten o Isaac unha morea de amigas e amigos, proba diso é a súa vasta actividade epistolar con outros destacados nomes da cultura galega, como é o caso do xa mencionado Carvalho Calero, o seu homónimo Díaz Pardo ou o celanovés, Celso Emilio Ferreiro, entre elas, diso nos prezamos tamén a xente do Padroado do Museo, para onde veu parar, por propia e áxil vontade del mesmo, parte da súa prolífica obra. Os nosos parabéns ao Isaac.

Imaxe: Xesús Fariñas