Co seminario «Museos, etnografía e antropoloxía» e tendo por sedes Santiago de Compostela e Vigo, o Museo do Pobo Galego conmemora os seus 40 anos de existencia cunhas xornadas que se prolongarán do día 28 ao 30 de setembro.
Desde a entidade museística pretende «reflexionar sobre o patrimonio etnoantropolóxico en xeral», abordar a relación que a sociedade e as administracións manteñen co patrimonio «etnoantropolóxico», analizar a problemática e perspectivas actuais dos «museos, coleccións, ecomuseos, recoñecidos ou non oficialmente», abríndolle as portas aos mesmos para lles «dar voz», mantendo deste xeito unha relación co Museo do Pobo.
O seminario que como diciamos pretende conmemorar o 40º aniversario do Museo do Pobo Galego, inclúe cinco relatorios e outras tantas mesas redondas. As sesións, informan desde a entidade, serán públicas e abertas.
O noso Museo estará presente nas xornadas coa participación de André Taboada Casteleiro na mesa de debate que seguirá ao segundo dos relatorios, o xoves 28 de setembro ás 18h30 no Auditorio do Museo do Pobo Galego, xunto a Secundino García Mera (Museo da Capela – As Neves), Xosé Manuel Broz Rey (Museo da Terra de Melide) e Xoán Xosé Molina Vázquez (Museo Comarcal da Fonsagrada).
Deixamos a continuación a ligazón ao pdf da programación, non sen antes enviar os nosos parabéns á entidade irmá por estes 40 anos de singradura:
http://museodopobo.gal/web/uploads/pdf/Seminario%20Museos%20(baixa).pdf