988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com

O proxecto documental “O Dentón”, actualmente en fase de micromecenado chega ao Museo Etnográfico da Limia chega ao Museo da Limia da man da produtora Illa Bufarda. Sabela Iglesias e Adriana Pérez Villanueva estarán connosco o próximo día 19 de marzo a partir das 18:00.

Polo interese que o proxecto ten para unha comarca de marcado perfil cereralífero como a nosa, o Museo Etnográfico da Limia resolveu prestar o seu apoio institucional ao mesmo.

É posible contribuír ao financiamento da iniciativa no portal goteo.Org a través do seguinte enderezo: https://gl.goteo.org/project/o-denton-un-documental-sobre-o-caruncho-do-centeo/updates

Alimento fundamental da casa campesiña e, polo tanto, esencial para a reprodución social de xeracións e xeracións de galegas e galegos, o centeo gañaba, se cadra, máis importancia nunha comarca con boas condicións para a produción cerealífera como era a Limia, tida por “Granero de Galicia”, a Limia dos amplos horizontes, grandes aldeas e fornos comunais cocía nestes últimos o pan que arrebolado na mesa dos nosos paisanos contribuiu a nutrir os nosos labregos. Era o centeo, e non o trigo, pois, o cereal principal dunha comarca que ben se prestaba por clima ás condicións de relativa humidade e frío que precisaba unha planta prezada de dura e considerada como “irmán pobre” do trigo, pois confesemos, sempre que un fidalgo ou calquera outro membro das clases abastadas galegas podía, apañaba antes unha codia do pan branco, trigo, que do centeo que alimentou o pobo, e o pobo tamén, tamén se decantaba por este última, a súa moleza no padal dáballe un regusto máis agradecido que o do centeo.

Acontece que o centeo reúne máis historias que non só a propia da culinaria, como empoleirado ao seu tallo e espigas, crecía gañando forma de esporón, o fungo claviceps purpurea, ou cornello, ou cornizó, ou caruncho, ou dente de can, ou grao de corvo, ou cornecelo, ou caruncho, ou dentón, si, medraba un fungo multinomeado e cuxo protagonismo nunha terra, a galega, ben propicia para o seu cultivo, foi, desde cedo, notable. Abondoso nas nosas terras, tivo de sempre, múltiples usos produto da sabedoría popular, ora, se usaba para facilitar os partos, ora como abortivo natural, ora servía para sandar as feridas das vacas, tal como recoñecía un oínte da Radio Galega nunha recente entrevista ás socias da produtora Illa Bufarda. Tratábase, amais, dun fungo que por veces pasaba o peneirado e acababa por facer parte do pan, causando en quen o consumía intoxicacións que adoitaba cursar a forma de gangrena, así sendo, consta que un lazareto, o da Illa de San Antón na Coruña chegou a atender moitos dos doentes do fungo.

Acontecía que as súas propiedades tamén podían contribuir ao progreso da industria farmacéutica e así, a caída do mercado ruso, causou nas nosas terras, como foi dito, especialmente propicias, unha auténtica febre do “volframio vexetal”, con centos de galegos, literalmente, a apañaren o noso particular ouro negro, e así consta na testemuña oral que dende a Illa Bufarda veñen vindo a entrevistar nesta fase do proxecto. Aparece o Dentón ligado ao nacemento da multinacional Zeltia, no Porriño, aos experimentos que dan na sintetización do LSD, xorde pois este fungo nunha manchea de historias que ben merecen ser oídas pola xente que o próximo día 10 de marzo se achegue a saber máis sobre este proxecto a partir das 18:00 da tarde no Museo Etnográfico da Limia.