O Museo da Limia en Vilar de Santos volve abrir as portas este sábado (tamén o domingo) nos horarios habituais de mañá (11:30-13:30 horas) e tarde (16:00-18:00). En xaneiro non só se renovou a directiva do padroado, tamén se adaptou algún espazo para os novos inquilinos: a Asociación de Artesáns da Limia, LIMIAR. O colectivo de artesáns impartirá obradoiros no Museo e tamén se encargará de guiar visitas en grupo. A primeira delas, o próximo día 12 de febreiro. Hai 24 prazas.

No Museo segue en exposición a homenaxe a Antón Tovar, mentres o padroado anuncia un acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para actualizar a información sobre o propio Museo. Ademais dos dípticos, vaise elaborar unha unidade didáctica para ampliar a información ás visitantes, con versión en papel e tamén web.