988 465 883 (chamar pola mañá, de 9 a 14 h) museodalimia@vilardesantos.com
Manuel Seoane Feijoo
Arquitecto, profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño “Antonio Failde”,
membro do Consello Asesor do Museo da Limia

 

 PR E M I O   P E D R A   A L T A   2 0 1 8

 

“Teima no noso” é unha sección fixa da revista Larouco, que periodicamente edita o grupo arqueolóxico do mesmo nome e que versa sobre Arqueoloxía, Historia antiga, tradicións e patrimonio cultural de Galicia. Tanto a revista coma o propio grupo Larouco mantéñense vivos dende hai máis de tres décadas precisamente pola teima de Antonio Rodríguez Colmenero, galardoado co Premio Pedra Alta deste ano.

Unha boa dose desa mesma insistencia é a que ten administrado sistematicamente en Aquis Querquennis para conseguir sacar á luz e monumentalizar o que xa é o campamento romano máis extenso e estudado da península Ibérica.

Polos mediados da década dos setenta, Colmenero, que xa escavara en Lucenza (Cualedro) e nos castros da Saceda (Cualedro) e de Novás (Xinzo), chegou a Portoquintela e deseguida captou a importancia deste xacemento, que anteriormente fora escavado por López Cuevillas na década de 1920, aventurando que se trataba dun campamento romano contra a opinión  de moitos expertos.

Máis de corenta anos despois e tras unha sistemática teima, podemos visitar nunha superficie de 26.700 metros cadrados as ruínas dun extenso campamento romano, que  estivo activo entre os anos 74 e 117 DC, e que se ergueu como control da construción da vía romana XVIII, que comunicaba Braga con Astorga, atravesando diagonalmente a provincia de Ourense de suroeste a nordeste e con boa parte do seu percorrido por terras da Limia.

Precisamente á beira do río Limia foi onde se estableceron as milicias romanas, aproveitando quizais a proximidade dos mananciais termais do Baño. Tamén é o Limia, encorado na presa das Conchas, o que asolaga o xacemento durante unha boa parte do ano.

Actualmente poden visitarse, cunha axeitada sinalización, dúas das catro portas do campamento, os lenzos da muralla e o seu foxo exterior, o edificio do “principia” ou cuartel xeral, os “horrea” que facían as veces de almacéns, un posible edificio de hospital, as latrinas e cinco barracóns de tropa. Cada un deles acollía  unha centuria, composta por 80 soldados e os seus respectivos mandos, á cabeza dos que estaba o centurión.

Aínda que foron moitos os arqueólogos que pasaron e se formaron neste xacemento, é Santiago Ferrer o que  vén dirixindo as escavacións nestes últimos anos, mais sempre baixo as directrices do catedrático Colmenero, que ao cabo é quen xestiona as achegas económicas para facer posible tan ambiciosa tarefa. Teñen colaborado as diferentes administracións do estado, dende o Ministerio de Cultura do último franquismo nos comezos até a Deputación Provincial de Ourense na actualidade, pasando  pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Mais tamén foi capaz de involucrar na empresa a entidades privadas como a Fundación Barrié ou a mesma Fenosa, propietaria dos terreos do encoro.

A teima do investigador Rodríguez Colmenero levouno tamén a escavar nas proximidades a “Mansio Viaria”, ligada a este conxunto, así como a construír o magnífico  Centro de Interpretación que, organizado en dúas plantas,  explica de maneira moi didáctica tanto o propio xacemento romano como a Vía Nova e a historia do Val do Limia dende a prehistoria até a cristianización.

Este complexo arqueolóxico, xunto cos mananciais termais, o propio encoro, a paisaxe natural da contorna  e mesmo a poucos quilómetros a igrexa visigótica de Santa Comba teñen que configurar con certeza  un dos principais espazos turísticos de Ourense.

Os membros do padroado do Museo da Limia queren  recoñecer con esta distinción o extraordinario labor intelectual de investigación e divulgación desenvolvido polo catedrático Antonio Rodríguez Colmenero, inxente  tarefa na que as terras que percorren o río Limia e a Vía Nova teñen un papel protagonista.