De moi satisfactorio, cualificaron os responsables do Museo o ano 2016 en que se conmemorou o 20 aniversario do traslado do Museo da Limia para a sede da antiga Reitoral de Vilar de Santos. No pasado sábado, 17 de decembro, tivo lugar unha xornada de portas abertas para encerrar a devandita celebración. 

Que mellor xeito de enfeitar o acto de clausura do 20º aniversario que presentando unha nova peza, esta ben emblemática e desde hai moito tempo procurada. En efecto, o Museo da Limia, son as pezas e as historias que agochan. Á sala dos cultivos, o antigo alpendre do Padre, só lle faltaba esa procurada peza, a “Ajuria”, unha malladora de fabricación vasca, motor francés (Cérès, é o nome do mesmo, e remite á deusa da agricultura)  e importador alemán, Felix Schlayer, quen alén da vocación comercial, fixo as veces de consul noruegués durante o primeiro ano da Guerra Civil Española.

A peza chegou a nós, completa, co referido motor, as poleas e rodamentos, o corpo da mesma e o caldeiro de refrixeración que, lembraron algúns dos presentes, fumegaba cheo de auga por mor do esforzo do motor.

Unha peza con máis de 80 anos

A peza pertencía desde o último ano a quen nola doou José Antonio Gándara, veciño de Vilar de Santos, quen lla comprou ao sogro, Benito, de Lampaza, Rairiz; na casa do sogro permanecera desde 1948, onde chegara xa de segunda man de Ludro, Rairiz. Os familiares, presentes no acto de benvida á nova peza, afirmáronnos, por outra banda, que a “Ajuria”,  se remonte talvez mesmo aos tempos da II República.

img_20161217_170340

A transcendencia social

Conduciu o acto de presentación da peza, Xosé Antón Jardón, ex-alcalde de Vilar de Santos e colaborador do Museo, quen logo de nos introducir na intrahistoria da nova peza, subliñou a importancia social que a mesma tiña nunha comarca, a Limia, que os autores do XVIII tiñan por “granero de Galicia” debido á súa especial vocación cerealífera. A Malladora, tomaría así o relevo dos mallos de madeira á hora de tratar o cereal. No corpo da malladora, esparexíanse os mollos que eran, de seguido mallados ao pasaren pola máquina, deixando dun lado as pallas, do outro grao. As tarefas proseguían co paso pola limpadora, peza coa que tamén contamos no Museo.

Xaquín Lorenzo, o Xocas preside a súa sala

Ao acto de clausura sumouse tamén o artista limiao, Xosé Lois Carreira quen, advertido nunha súa visita ao noso Museo de que contabamos cunha sala nomeada Xaquín Lorenzo, na honra do egrexio etnógrafo de Lobeira, a Baixa Limia, tivo a ben compor un cadro e doalo ao Museo, feito que agradecemos enormemente.

Xan Jardón ofreceu palabras de agradecemento e prometeu seguir o camiño encetado coa reabertura do Museo

Correspondeu ao actual alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, dar unhas últimas palabras de agradecemento, nas que repasou o presente ano e as múltiples actividades que durante o mesmo se realizaron. Tivo tempo así mesmo, para referirse expresamente a José Antonio Gándara e Xosé Lois Carreira por teren tido a xenerosidade de nos doaren a nova peza que preside a sala de cultivos e o cadro homenaxe ao “Xocas”.

Deixamos a continuación unhas ligazóns aos audios de presentación das pezas:

https://drive.google.com/file/d/0B8iYgfq6ByFwTm02elJ2amZaZEE/view?usp=sharing

Intervencións de Xosé Antón Jardón e Xan Jardón

https://drive.google.com/open?id=0B8iYgfq6ByFwZjREaVlRVmRyQ2s

Intervención de Xosé Lois Carreira

Aproveitamos, desde o Museo, para vos desexar unhas boas festas e un feliz ano 2017.