O CDR O Viso, entidade clave para entendermos o labor asociativo na Comarca nos últimos 30 anos, premiada coa III edición do Premio Pedra Alta 2019. Compartimos, de seguido, a resolución do Consello Asesor pola cal se lle concedeu o premio á  asociación con sede en Lodoselo, Sarreaus:

Premio Pedra Alta 2019.

 

Vista a proposta formulada por aclamación polo Consello Asesor do Museo da Limia, na súa xuntanza do 5/10/2019, que contou coa asistencia de dezaseis dos seus trinta e catro membros, acórdase por unanimidade:

Concederlle o Premio Pedra Alta, na súa terceira edición, correspondente ao ano 2019, ao Centro de Desenvolvemento Rural, CDR “O Viso”, de Lodoselo, en base aos méritos argüídos polo propio Consello Asesor, tal e como fican resumidos seguidamente:

O CDR “O Viso” nace en Lodoselo (Sarreaus) no ano 1990, coa atrevida e decidida vocación de exercer no medio rural unha encomiábel estratexia de entrecoser os distintos lenzos e cores dun desenvolvemento integral, necesario para arroupar os sempre minguados dereitos da poboación máis vulnerábel da comarca da Limia. Todo elo, a través de accións globais de carácter social, educativas, informativas, económicas, de formación e emprego, para que a comunidade que ten ansia de facelo poida permanecer comodamente e dun xeito activo no lugar preferido, no propio medio onde sempre quixo estar, coas mellores condicións de vida e cunha maior dignidade e calidade de vida. 

Carmen e Toño, decididos impulsores e motores infatigábeis da iniciativa do Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”, acompañados doutros moitos animosos do proxecto, sempre dispostos a colaborar en tan nobre tarefa, puxeron rumbo ao norte escollido, e marcaron como principal valor da súa andaina desenvolver e harmonizar unha educación integral, coa nítida teimosía de imbuír de xustiza absoluta as persoas, o seu contexto natural e rural, a convivencia fraterna, o respecto e a acollida, sempre dende a consistencia do aprecio ao ben común, da pertenza a un pobo e da conciencia e memoria histórica.

A primeira materialización da súa labor foi rehabilitar a vella escola de Lodoselo, despois continuaron coa recuperación das festas e os costumes populares, e hoxe son referencia incuestinábel no ámbito educativo-ambiental e promoción do entorno rural: pobo escola, albergue, aula da natureza, educación infantil na Limia e casa-niño, agrogandaría e mantemento da diversidade e da paisaxe; atención á comunidade con servizos de proximidade: vivenda comunitaria, centro de inclusión e dereito a envellecer cos seus; información e participación social: centro de información e sistemas integrados, comercio xusto e consumo responsábel, escola de tempo libre, programas de acción voluntaria, servizo de voluntariado e inclusión social e laboral.

Os limiaos e as limiás podemos estar e estamos orgullosos de poder contar na nosa comarca cunha aportación tan impresionante, que debemos conservar e fomentar para que siga traballando e alongando o camiño encetado hai máis de 30 anos.

Por iso e por moito máis que se podería seguir relatanto é polo que o CDR “O Viso” merece ser premiado coa III edición do Premio Pedra Alta que anualmente concede o Museo da Limia.

Vilar de Santos, 5 de outubro de 2019.