O pasado 14 de setembro, entre Xordos e Nigueiroá, o tempo estourou de memoria, a mesma memoria soterrada durante décadas nas curvas da actual OU-1201, e que hoxe por fin presta homenaxe en forma de monolito a quen foi asasinado por teimar nun mundo máis xusto e libre. A obra da autoría de Diego Currás “O Rixón” preside xa a curva da Fonteboa e homenaxea figuras como os primeiros antifascistas asasinados na comarca, Manuel Ávarez Álvarez “Noches” e Jenaro Alonso Santos, o 29 e 30 de xullo de 1936. 

Como recolle a crónica compartida na rede social Facebook elaborada polo Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia, no acto houbo ocasión para oír o testemuño de máis familiares de represaliados, foi o caso da intervención de Javier Álvarez Osuna en nome das familias Tejada e Álvarez Pena, un comunicado da familia Rodríguez Valencia ou a lectura da carta da familia de Eloy Tejada Sáenz, mestre en Rañaadoiro e que no verán de 1936 acabaría por ser executado na Rioxa de onde era oriúndo.

Da homenaxe participou tamén a asociación veciñal do pobo de Nigueiroá representada na figura do seu presidente, Lisardo Domínguez, quen canda as demais persoas reunidas asistiu á lectura por parte de Davide Pérez, do Comité pola Memória, do nome dos 25 executados, dos que se ten constancia documental, no Val do Limia.

O acto que promovido polo Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia incluíu un recitado de poemas por parte de nomes como Anxo Angueira, Carmen Blanco, Rochi Nóvoa, Elvira Ribeiro e Claudio Rodríguez Fer, e a música das pandereiteiras “As da chispa e amigos», Carmen Penim & Maurizio Polsinelli, Xosé Cosntenla, Mini e Sés.

Fonte fotografía: páxina de facebook do Comité pola Memória Histórica do Val do Límia