Da man do Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz, o Museo Etnográfico da Limia e a taberna a Arca da Noe, Vilar de Santos tornouse, unha vez máis, epicentro cultural da Limia.

Correspondeulle ao membro do IGESIP, Artur Alonso Novelhe, dar comezo cara ás 10h30 da mañá, a unha xornada que dende primeira hora, contou cun posto de libros comandado polo sociólogo e libreiro Antonio Alberto Alves, dono do estaleiro cultural “Traga-Mundos” (Vila Real, Trás-Os-Montes). A conferencia de Novelhe titulada “A Tripla Libertação”, deu paso á palestra de Rhicardo Ribeiro, quen chegado do Porto (Portugal) se debruzou sobre o concepto de Sinarquía. Xa pola tarde foi a vez de Jairo Mozart, quen cara as 17h00 nos ilustrou sobre a diversidade indíxena do xigante latinoamericano, Brasil.

Das paredes do Museo, entre tanto, penduraban xa os cadros da exposición “Ríos da Galiza e Norte de Portugal” proxecto da asociación “Cultura Que Une” e da cal daremos boa conta noutra nova.

A última das intervencións na sala de conferencias do Museo correu a cargo do poeta limiao Xabier Xardón quen tratou de traspasar esa fina liña que a Raia é.

A Arca da Noe acolleu a parte final da xornada

O I Encontro na Raia trasladouse a continuación á Rúa do Forno 13, á taberna “A Arca da Noe”, onde a tamén limiá poeta Concha Rousia, nos presentou o seu novo traballo “Se Os Carvalhos Falassem” (Através Editora), a presentación da autora correu da man de Irene Veiga.

Por último, e para rematar a xornada, desfrutamos da música de Jairo Mozart e Fred Martins.

Máis imaxes da xornada