O próximo sábado 29 de setembro, o Museo Etnográfico da Limia acolle unha xornada de reflexión e debate sobre o presente e futuro da comarca, logo se teren completado sesenta anos do inicio dos traballos de saneamento. A xornada que se prolongará ao longo da tarde a partir das 17:00 e reunirá diversas voces, avaliará diversas experiencias agrogandeiras e medioambientais. Deixamos, de seguido, o resumo e horarios da xornada: 

60 ANIVERSARIO DO INICIO DOS TRABALLOS

DA DESECACIÓN DA LAGOA DA ANTELA

 

O día 8 de setembro de 1958 comezaban as obras da desecación da Lagoa da Antela, en aplicación da lei do 27 de decembro de 1956, sobre “Saneamiento y colonización de la Laguna de Antela, sita en la provincia de Orense” coa que o Franquismo sancionaba a desaparición do segundo espazo lacustre máis importante da Península, vella arela non só dos tecnócratas do Réxime senón tamén de diversos executivos do XIX e mesmo, vestixios mediante, dos antigos Romanos. Uns e outros semellaban descoñecer o secular aproveitamento que os moradores facían destas ubérrimas terras: ora daban leito ao gado, ora pasto, ora caza, ora pesca.

A lagoa, maila súa impoñente figura, axudaban mesmo a regular a climatoloxía comarcal, mais pouco disto importou aos “deseñadores” da desecación completada daquela coa promesa dun aproveitamento multifuncional que nunca tal foi. Do desengano foron testemuño moitas das voces recollidas anos despois por Xosé Luis Martínez Carneiro, coordinador de Antela, A memoria asolagada, Xerais, 1997, testemuñas cativantes como a da señora de Baltar que vía o mar cada vez que baixaba á chaira e que agora (anos 90) xa máis non vía. O traballo de Carneiro pretendeu facer xustiza co “máxico cristal” que alcumara don Ramón Otero Pedraio, quebrado polo frío cálculo duns peritos foráneos.

Sesenta anos despois do inicio dos traballos da desecación da Lagoa e vinte e pico da publicación do libro Antela, a memoria asolagada, coordinado por Xosé Lois Martínez Carneiro, o Museo da Limia quixo impulsar unha reflexión colectiva sobre as consecuencias daquela decisión dos gobernantes franquistas. A tal fin vimos realizando, ao longo de 2018, varios actos e eventos relacionados coa propia desecación e coas vivencias e opinións contidas no citado libro. E, obviamente, sobre as consecuencias da execución do proxecto franquista, que afectou incumbe dun xeito determinante ao devir da nosa comarca.

As reflexións e debates do Museo da Limia, relacionados co 60º aniversario da desecación comezaron o pasado 7 de abril, dedicándolle as III Conversas na taberna á pataca na Limia, que contaron coa coordinación de André Taboada Casteleiro, Vicepresidente do Padroado do Museo da Limia e coa participación de Amador Díaz Penín, propietario de “Patatas Ama” e presidente Asociación de Produtores de Pataca da Limia; Xosé Antón Gándara Alonso, almacenista e propietario de “Patatas y Cebollas Gándara”; José Ángel Sotelo Castro, propietario de “Patatas Fritas Guays”.

A lembranza continuou e continúa coa exposición fotográfica homónima, dende 3 de agosto ao 7 de outubro, mediante a que se pretende dar conta do acontecido no antigo humidal da Antela, do antes e despois dun espazo que forma parte da memoria colectiva dos limiaos.

A iniciativa, organizada polo Museo da Limia, e visitábel na súa sede, conta coa colaboración do Centro de Cultura Popular do Limia, do Portal web Vía Lethes, da revista Lethes, Cadernos Culturais do Limia e do propio coordinador do libro Antela, a memoria asolagada, Xosé Luis Martínez Carneiro, así como co patrocinio do Concello de Vilar de Santos e da Deputación Provincial.

Os actos rematarán, finalmente, coa seguinte programación:

 

IV Conversas na Taberna.

Data: Sábado, 29 de setembro de 2018

 

17:00 horas.

Abertura da xornada, a cargo do Presidente do Padroado do Museo da Limia, Delfín Caseiro Nogueiras.

 

17:15 horas.

Debate:«Agrogandeiría e biodiversidade na Limia. Conversas do presente e futuro».

Ponentes

SerafínGonzález Prieto, doutor en Ciencias Biolóxicas e investigador científico do CSIC no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Coautor, con Antonio Villarino e Felipe Bárcena, do libro Aves da Limia dende a lagoa de Antela aos nosos días.

Servando Álvarez Pousa, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro (INORDE).

José Manuel NietoRodríguez, socio de Procevisa (Cebolas),Vilar de Santos.

Amador Díaz Penín, agricultor, presidente da Asociación de Produtores de Patacas da Limia.

 

18:15 horas.

Propostas: «Exemplos de experiencias de aproveitamento sostíbel na Limia»

Ponentes

Eva González Pérez, socia de Carabuñas, empresa dedicada ao aproveitamento do sabugueiro para marmelada, licor e cervexa, en Vilar de Santos.

Roberto Nieto Limia, produtor de millo de forraxeiro na zona da Pedra Alta.

Samuel Formoso Salgado, explotación de gandeiría extensiva en Vilar de Gomareite.

Iván Gil Rodríguez, explotación de gandeiría extensiva de vacas limiás en Covelas.

María Ferreiro Enríquez, (“Mimbres Dama”), titular dunha explotación de vimbio en Pidre.

 

Moderador: André Taboada Casteleiro, vicepresidente do Padroado do Museo da Limia.

 

19:15 horas.

Clausura da xornada, a cargo do Alcalde e Presidente de Honra do Padroado do Museo da Limia, Xan Jardón Pedras.