A revista Lethes, Cadernos Culturais do Limia tense convertido, co pasar do tempo, nunha publicación de obrigada referencia se quixermos coñecer mellor a cultura da comarca. Vilar de Santos acolleu unha vez máis a presentación do que é xa o número 12 da revista nacida en 1999.
Con cerca de 150 colaboracións desde a súa creación, a Lethes é un lugar de encontro para quen amose interese pola «etnografía, a paisaxe e a creación artística» salienta Manuel Seoane, un dos seus impulsores. No seu número 12, Lethes publica dez poemas inéditos do autor limiao Antón Tovar (A Pereira, 1920, Ourense 1999) recollidos por Delfín Caseiro, inclúe tamén un traballo sobre a Vía Nova ou un artigo da autoría do escultor de Xinzo, Xosé Lois Carreira.
Na presentación da revista que tivo lugar no salón de actos do Concello ás 17h30, participaron Manuel Seoane, Antón Riveiro Coello, Luis Álvarez Pousa e Xosé Manuel Cid Fernández. Houbo, así mesmo unha actuación musical por parte do do dúo formado polo pianista Luis Umberto Cao e o tenor Baldomero Pavón. Tralo devandito acto, os asistentes degustaron uns petiscos e viño na Sala Xaquín Lourenzo do Museo Etnográfico da Limia.